A CIG chama a participar nas mobilizacións que Galegas8M ten convocadas para este 8 de marzo
A CIG fai un chamado a participar este domingo, 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, nas numerosas mobilizacións que Galegas8M ten convocadas por toda a xeografía de Galiza baixo o lema “Sen coidados non hai vida: mudando o sistema, derrubando o patriarcado”.
Neste 2020, o feminismo galego chama a todas as mulleres do noso país a saír ás rúas o vindeiro 8 de marzo, e, máis unha vez, como nos anos anteriores, facer tremer Galiza, deixando ben claro que facemos parte dun movemento imparábel, que esiximos poñer a vida das persoas no centro das políticas públicas, e que non imos calar até que se consiga a eliminación das violencias machistas e de todas as discriminacións que padecemos as mulleres.
Visibilizar o invisíbel
Un ano máis, a CIG dará unha resposta feminista e de clase á explotación, invisibilización e desigualdade. Porque no actual mercado de traballo, os traballos feminizados seguen sendo sinónimo de oficios precarios, nos que se perciben os peores salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais, dereitos laborais non recoñecidos, acoso, agresións e precariedade.
Alén das condicións laborais, non queremos esquecernos da invisibilidade dos traballos de coidados, en todo ese tempo de traballo principalmente realizado polas mulleres, pero do que se beneficia o resto da sociedade, tempo de traballo indispensábel para o mantemento do sistema capitalista, que aparta de todos os seus procesos produtivos e de valor as tarefas asociadas ao doméstico e, por tanto, ás mulleres.
Esiximos dereitos laborais e protección social para todos os traballos feminizados; unha valorización social e económica acorde á importancia do traballo de coidados, recoñecendo o coidado como un dereito universal para todas as persoas, destinando os servizos e recursos públicos que sexan precisos para garantir o benestar.
Porque ficando caladas non se muda a realidade, participa nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego durante a xornada do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora!
Podes atopar máis información sobre as convocatorias de Galegas8M na súa web: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2020/
MOBILIZACIÓNS E ACTOS CONVOCADOS POR GALEGAS8M PARA O 8 DE MARZO DE 2020
A CORUÑA, manifestación ás 12 dende o Obelisco
A ESTRADA, concentración ás 12h na Praza do Mercado
A GUDIÑA, concentración ás 17h na Praza Maior
ALLARIZ, manifestación ás 12h dende o Campo da Barreira
AS PONTES, manifestación ás 12:30h dende o Concello
BETANZOS, concentración ás 12h no Palco da Música
BOIRO, manifestación ás 18h dende a Praza do Concello
CAMBADOS, manifestación jás 12h dende o Concello
CARBALLO, manifestación ás 19h dende os Xulgados
CARNOTA, sábado 7 de marzo Cadea humana na praia de Carnota ás 12h
CEE, manifestación ás 12h dende a Praza 8 de Marzo
CHANTADA, na Praza do Cantón, ás 12h lectura de manifesto, ás 13h foliada feminista e ás 14:30 xantar de mulleres
COMPOSTELA, Treboada feminista/manifestación, ás 12h dende a Rotonda do Castiñeiriño, Rotonda de Conxo, Rotonda das Cancelas, Rotonda de Salgueiriños. Ás 19:30h, manifestación dende a Praza 8 de Marzo
FERROL, manifestación ás 12h dende O Inferniño
FOZ, manifestación ás 12h dende A Rapadoira
LALÍN, manifestación ás 12h dende o KM.0
LUGO, manifestación ás 12h dende o edificio multiusos da Xunta
MÁRÍN, venres 6 de Marzo, manifestación ás 20:30 dende a Praza 8 de Marzo
MONFORTE, concentración ás 13h na Praza da Compañía
OURENSE, concentración ás 12h na Praza Maior e manifestación ás 20h dende a Subdelegación do Goberno
PADRÓN, manifestación ás 13h dende a Praza das Marías
PONTEVEDRA manifestación ás 17:30h dende a Praza do Hospital
RIBADAVIA, concentración ás 13:30h na Praza Maior
RIBEIRA, na Praza de España, ás 11h pintada de murais, ás 13h acto reivindicativo
e ás 13:30 concentración e lectura de manifesto.
SADA, concentración ás 18h na Praza Irmáns Suárez Picallo
SARRIA, manifestación ás 18:30h na Praza do Concello
VIGO, manifestación ás 18:00h dende Vía Norte con Urzáiz, ao remate actuacións na Praza de Compostela. Ás 12h intervención na Farola de Urzáiz. Ás 14h recital de poesía e foliada na Praza de Portugal.
VILABOA, marcha feminista até Pontevedra ás 15h con saída dende S. Figueirido até a praza do Hospital de Pontevedra
VILAGARCÍA, manifestación ás 12:30h dende a Praza de Galiza
VILALBA, manifestación ás 13h dende a Praza da Constitución. Concentración ás 18:30h e actividades na Praza do Concello de 10:30 a 18:30h
VIMINIANZO, sábado 7 de Marzo, concentración ás 20:30h