A CIG chama a participar na manifestación nacional de mulleres do domingo 4 de marzo en Vigo
A CIG fai un chamamento a participar na manifestación nacional de mulleres que o domingo 4 de marzo, dende ás 12:00 horas, percorrerá as rúas de Vigo, no marco das mobilizacións organizadas arredor do Día Internacional da Muller Traballadora e da folga de mulleres convocada para este 8 de Marzo.
A convocatoria, impulsada pola Asemblea Galegas 8M, xorde, tal e como recollen no seu blogue “da necesidade de repensar o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos, e a través de convocatorias e xuntanzas abertas nas distintas cidades e vilas de todo o país, diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza tecemos a rede e comezamos a traballar na organización da manifestación nacional do Día das Mulleres deste 2018”.
O colectivo fai un chamamento a participar activamente na xornada de folga de mulleres convocada a nivel internacional para o vindeiro día 8 de marzo. Unha folga que vai máis alá do paro laboral, facendo un chamamento tamén a realizar unha folga de coidados e de consumo, que axude a visibilizar as discriminacións e desigualdade, a visibilizar o contributo das mulleres tanto na esfera produtiva como reprodutiva, e pretende tamén darlle pulo ás convocatorias que terán lugar o propio día 8 nas diferentes localidades do país.
O 8 de Marzo, as mulleres galegas paramos!
Paros laborais
O 8 de Marzo a CIG ten convocada folga de mulleres con paros laborais de dúas horas por quenda de traballo, que se concretarán no seguinte horario:
• de 00h a 02 horas
• de 12 a 14 horas
• de 19:30 a 21:30 horas
Desde a Secretaría das Mulleres da CIG chamamos ao paro ás estudantes, xubiladas, desempregadas, asalariadas (funcionarias, fixas, eventuais, etc.); a que todas as mulleres deixemos o que esteamos a facer e paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos.
Temos que seguir co labor divulgativo en todos os centros de traballo, convocando e participando activamente nas asembleas de empresas, informando e convencendo da necesidade de ir á folga, man a man coas asociacións de mulleres, veciñais, nos centros de ensino, nas entidades culturais e deportivas, coas organizacións e colectivos feministas -como a Asemblea Galegas 8M- para lograr que o vindeiro 8 de Marzo as mulleres galegas paremos.
Máis información sobre a Asemblea Galegas 8M en:
Blog: https://galegas8m.wordpress.com/multimedia/
Twitter: @galegas8M
Facebook: @galegas8M