A CIG chama a mobilizarse con Galiza con Catalunya porque “Autodeterminación non é delito”
A CIG quere trasladarlle todo o apoio e solidariedade aos compañeiros e compañeiras da Intersindical-CSC de cara á folga xeral que teñen convocada, tanto no sector público como privado, para este xoves, día 21 de febreiro, baixo o lema "Sen dereitos non hai liberdade". Chama ademais a participar nas concentracións convocadas pola Plataforma Galiza con Cataluntya, da que a central sindical fai parte, porque defender o dereito de “Autodeterminación non é delito”.
A CIG manifesta a súa solidariedade co pobo catalán e rexeita o xuízo político que se está desenvolvendo contra os seus lexítimos representantes. Demanda a súa liberdade e denuncia a persecución ideolóxica emprendida desde o Estado español contra quen defende dereitos fundamentais dos pobos como é o dereito de Autodeterminación.
Folga xeral
A central sindical comparte plenamente os obxectivos da convocatoria, polos que a CIG xa realizou tamén diferentes campañas e mobilizacións: a derrogación total da reforma laboral de 2012, o incremento do salario mínimo até unha cantidade digna, a recuperación dos dereitos perdidos nos últimos anos coa escusa da crise (eixo central da nosa acción sindical actual), a plena igualdade de xénero nos centros de traballo, os avances cara a un modelo de función pública de calidade e con condicións laborais dignas, etc.
Coincide tamén na estratexia de mobilización da clase traballadora para presionar a empresas e gobernos na defensa dos nosos dereitos, tanto individuais como colectivos; como instrumento de reivindicación diante dos abusos que propiciaron o empeoramento e precarización das condicións laborais. Dende a CIG temos claro que o diálogo social non é útil en si mesmo se supón constantes concesións e perda de dereitos, e creemos que, diante dos abusos, debemos enfrontar a forza do traballo.
Por isto, a CIG trasládalle aos compañeiros e compañeiras da I-CSC todo o apoio, así como a toda a clase traballadora catalá. Desexa que a convocatoria de hoxe sexa todo un éxito e que consiga os obxectivos polos que se leva a cabo.