A CIG chama a manifestarse o 19 de xaneiro nas Pontes por un plan industrial que garanta a creación de emprego

A marcha sairá ás 12 horas da Praza do Carme
As Pontes - 18 Dec 2024

A CIG ten convocada unha mobilización para o domingo 19 de xaneiro en demanda dun plan industrial que garanta un futuro con emprego nas Pontes. Coa manifestación, que sairá ás 12h da Praza do Carme, quérese denunciar a pasividade dos Gobernos para atallar o proceso de reconversión que sofre a localidade e reclamar unha transición verdadeiramente xusta.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, e o membro da Executiva local da CIG das Pontes, Hixinio Adega, lanzaron un chamado a se mobilizar para demandar solucións urxentes "porque queremos que todos eses proxectos que nos anuncian a diario sexan unha certeza, que estean en execución e non sigan en fase de tramitación".

Subliñou Carril que malia os compromisos de destinar millonarios fondos públicos ás comarcas afectadas polos procesos de descarbonización, no remate de 2024 "a transición xusta nas Pontes non existe e seguimos a sufrir as consecuencias dunha proceso de demolición e de reconversión pura e dura". Criticou que Endesa, co apoio dos distintos Gobernos, xa encetou o desmantelamento da central térmica "deixando atrás un regueiro de despedimentos e traslados forzosos, mentres o pobo e a economía das Pontes esmorecen".

O secretario xeral da CIG rexeitou que se pretenda impor "como normal" a falta dun plan de reindustrialización por parte dos Gobernos ou que non se dispoña de chan industrial no municipio e que se consinta a Endesa "actuar impunemente sen asumir ningún tipo de responsabilidade social e territorial mentres segue facendo caixa a conta de espoliar os nosos recursos".

Todos os proxectos "en tramitación"

O último informe da Consellaría de Economía e Industria constata que os diversos proxectos anunciados publicamente ao longo destes anos apenas teñen avanzado "cando xa deberían estar en execución e implantación". Porén a definición actual de todos eles é "en tramitación": as plantas de hidróxeno, a fábrica de pneumáticos, a planta de biofibra, o centro de hidróxeno e amoníaco, as centrais hidroeléctricas reversíbeis ou a planta de acuicultura, que está en fase de estudo".

O mesmo acontece cos instrumentos novidosos deseñados para a mal chamada transición xusta. Nada se sabe do Plan de Acción Urxente 2019-2021; As Pontes foi excluída do Acordo tripartito do carbón 2019-2027; no caso do Acordo tripartito das centrais térmicas en peche só hai unha foto e nada máis; o convenio de transición xusta segue en tramitación; os fondos para a transición xusta destínanse a calquera concello da provincia; e do publicitado concurso Futur-e de Endesa tampouco transcendeu nada concreto.

Cómpre manter a capacidade de evacuación

Cuestión aparte merece o cambio de criterio de REE que deixou sen o concurso público para a concesión de acceso á rede dos 1400 MW que tiña asignados a central térmica. A CIG non vai deixar de reclamarlle ao MITECO que se manteña esa capacidade de evacuación e se saque o concurso público porque, ante o peche da térmica, constitúe o valor engadido neste territorio para o achegamento de proxectos industriais, particularmente no curto prazo os de ámbito enerxético.

Ademais a poxa pública, ao estabelecer obrigas de instalación, é un garante real de desenvolvemento industrial "que non deixaría o futuro das Pontes nas mans exclusivamente de promotores privados de proxectos".

A mobilización é o único camiño

Hixinio Adega criticou que, neste contexto, estanse facendo "moitas manobras de despiste, incluída a da formación para o desmantelamento" co obxectivo de desmobilizar e acalar as protestas. Advertiu que malia "o nulo éxito que tivo", agora de novo "ofértannos máis formación e co descaro de pedirnos aos sindicatos que participemos e nos fagamos cómplices do chiringuito que queren montar con cartos da UE e da propia Consellaría".

Carril lembrou que a reivindicación da central nacionalista foi que ningún dos traballadores/as das auxiliares tivera que ir ao paro, e se deran garantías de continuidade dos empregos en tanto non se materializaran eses proxectos para unha transición xusta. "Vemos que pasan os meses, foron moitos os despedimentos na industria auxiliar, e incluso pecharon empresas nacidas ao abeiro do plan de peche da mina. Cantos despedimentos máis e canta destrución de emprego máis ten que haber para os Gobernos actúen?" cuestionou Carril.

A CIG, como fixo ao longo deste tempo e como fixo na masiva folga xeral convocada o 23 de novembro de 2023 nas Pontes, segue apostando pola mobilización social e a organización como único camiño para conseguir recuperar o tecido económico e os postos de traballo perdidos, e que se poña en marcha un plan industrial que garanta a reindustrialización e a creación de emprego, de igual xeito que se fixo co plan de desenvolvemento de 1997 "probado con éxito e que debe ser actualizado e implantado con urxencia".