A CIG chama a apoiar a manifestación de Artistas da Dobraxe de Galiza por un convenio digno
A Asociación de Artistas de Dobraxe, CIG, CCOO e UGT, chaman a sumarse á manifestación convocada en Santiago de Compostela para o vindeiro domingo, día 17 de marzo, en demanda dunhas condicións laborais dignas. O sector padece desde hai anos unha precariedade “insostible e ilegal» polo incumprimento dun convenio colectivo conxelado desde 2006.
As e os profesionais do colectivo da dobraxe en Galiza -un sector que atinxe a unas 300 persoas entre persoal técnico, de produción, actores e actrices- levan 18 anos cobrando por baixo do que establece a lei.
O seu convenio, de ámbito galego, abrangue os dous idiomas: galego e castelán. Segundo explican, a dobraxe en galego cóbrase integramente (co salario de 2006), pero a patronal decidiu tornar máis competitivo o traballo en castelán, deixando de retribuír o que está establecido legalmente e pagando un 25% menos. Unha patronal que leva incumprindo durante dúas décadas as xa obsoletas condicións salariais do convenio colectivo.
Xunto a isto denuncian as ameazas das empresas de non contaren con aqueles intérpretes que non acepten traballar por baixo do recollido no convenio colectivo. Neste sentido, Adolfo Naya, representante da CIG-Servizos, denuncia a pretensión da patronal de legalizar as “miserentas” cantidades, por debaixo mesmo do convenio, asinado hai 18 anos, que se están pagando para o castelán. Unha proposta que, segundo sinala, xustifican so pretexto de poder competir con outras comunidades.
“Queren competir na miseria e iso é inadmisible”, afirma e chama a sumarse á manifestación para apoiar as súas xustas demandas de vivir e traballar en condicións dignas.