A CIG-Banca denuncia que o novo convenio de Enxeñerías facilita a temporalidade e non resolve a problemática do sector

Nin sequera topan a contratación temporal nos 6 meses que di o Estatuto, senón que amplían a 9 meses
Nacional - 20 Xan 2023

A CIG-Banca vén de manifestar o seu rexeitamento ao novo convenio de Enxeñerías. “Un convenio estatal asinado polas cúpulas, sen ter en conta a opinión do persoal afectado, que facilita a temporalidade e que non dá verdadeiras respostas á problemática do sector”.

O pasado 12 de xaneiro, CCOO e UGT máis a patronal, TECNIBERIA, asinaban o novo convenio que rexerá as condicións laborais do persoal afectado até decembro de 2024.

Segundo denuncia a CIG-Banca, os incrementos salariais pactados, consolidan a perda de poder adquisitivo do ano 2021, no que o IPC rematou no 6,5 a nivel estatal (6,7 en Galiza) e do ano 2022, do que acabamos de coñecer os datos: 5,7 estatal e 6,4 en Galiza.

“Véndese, maquillando o acordado, un incremento do 10,44% en 3 anos. Non se fala do xa perdido, coma se non importase, e as subas para os anos 2023 e 2024 van escaladas en función do IPC. En ningún caso se fai unha actualización ao IPC real. Sendo este un índice que xa non ten en conta unha morea de custes que nos afectan, é aínda máis grave que se acaden acordos que nin sequera recollan incrementos na mesma porcentaxe do incremento do custe da vida, ao que as traballadoras e traballadores nos temos que enfrontar para poder chegar a fin de mes”, denuncian.

Non topan a contratación

Con respecto á contratación, denuncian que “non topan a temporal nos 6 meses que di o Estatuto, senón que o amplían a 9 meses”. E nos contratos fixos-descontinuos, “permiten 6 meses de inactividade (aínda que dependa do período de actividade anterior), o que, na práctica, traducirase en que podes estar 6 meses traballando e 6 meses sen traballar”, explican.

Na clasificación profesional, a única novidade é que eliminan o nivel 9 (o máis baixo) e agora segue sendo o máis baixo pero co nivel 8. E as categorías do antigo 8, están refundidas no nivel 7. “Pero volve tratarse dunha maquillaxe porque xa estaban por baixo do SMI, e pouco por riba quedan.....”, lamentan.

Sinalan ademais que o que non se abordan son os problemas precisamente da categorización das persoas que están a pé de obra, e que quedan encadradas nese nivel 7 (aínda que o seu traballo sexa fundamental no desenvolvemento das propias obras, pois aí están o persoal que supervisa e inspecciona estas).

Introducen tamén textos para o traballo a distancia e a desconexión dixital que, na realidade, son meras transposicións da Lei. Claro exemplo diso é que no caso da desconexión non se establecen medidas reais que impidan que se produzan as comunicacións (con desconexión dos sistemas, por exemplo) e coma sempre, son só recomendacións que ao final, xa sabemos en que se traducen no día a día.

Teletraballo

No asunto do teletraballo, “nada novo baixo o sol, deixando os detalles a negociacións nas empresas que xa sabemos como van”, sinalan. “Non se poñen límites co risco de que as persoas traballadoras sigan illándose do colectivo e con respecto á saúde laboral, seguen sendo estas as que fan declaracións autoresponsables de cumprimento das normativas. Iso si, establecen 1 euro de compensación por día de traballo a distancia (proporcional á xornada), pero tampouco se fai referencia á compensación dos gastos polo tempo de prestación de servizos nesas condicións durante a pandemia”.

Por iso conclúen que non hai nada que salientar nun convenio estatal asinado polas cúpulas sen ter en conta a opinión do persoal afectado, que facilita a temporalidade e que non dá verdadeiras respostas á problemática do sector.