A CIG aposta pola inovación para frear a caída do sector galego do automóbil
A federación de Industria da CIG incidiu hoxe na nacesidade de apostar pola inovación como único xeito de frear a caída do sector do automóbil ante a “competencia desleal” de países como Portugal ou Marrocos. A central debullou as súas propostas para a automoción no marco dun encontro celebrado esta mañá en Vigo entre as tres centrais maioritarias e as organizacións políticas BNG, En Marea e PSOE para analizar a situación do sector e as medidas a adoptar para garantir a súa supervivencia.
O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, foi o encargado de presentar a posición da central a respecto do sector do automóbil durante as xuntanzas mantidas coas tres organizacións (primeiro con En Marea, logo co PSOE e por último co BNG).
O resposábel sindical alertou sobre o perigo que corre “unha industria estratéxica para o país” de “morrer como morreu o naval” pola inexistencia dunha política industrial por parte da Xunta que “aposte de xeito decidido polo sector”.
Neste senso, considera necesario decidir que tipo de empresas queremos ter: ou de baixo custe -o que implica competir en man de obra barata- ou de innovación e desenvolvemento -que suporía ofrecer produtos con valor engadido-. “Hai que apostar decididamente polas segundas, para o que é necesario, entre outras cousas, potenciar o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG)”.
Fernández denunciou a existencia dunha estratexia de deslocalización da produción programada polas empresas principais para precarizar as condicións laborais e abaratar os custes salariais da industria auxiliar co obxectivo de fomentar a competencia entre empresas do mesmo grupo. “Isto afecta directamente os traballadores/as, que se ven na obriga de aceptar peores condicións laborais e rebaixas salariais como único xeito de conseguir proxectos e manter así os seus empregos”, indicou.
Ao mesmo tempo, sinalou que de xeito paralelo seguen a incrementarse os ritmos de traballo, aumentando a produción nas empresas, sen que isto supoña a contratación de máis persoal, o que está a disparar os problemas de seguridade e saúde laboral.
Apostar polo valor engadido
Dende a CIG sosteñen que a Xunta ten que apoiar decididamente polas empresas que aportan valor engadido para que os seus produtos e investigacións revirtan no noso país. “Temos que ser un sector punteiro en novas tecnoloxías, xa que ofrecen unha garantía de futuro, como pode ser o caso do coche autónomo”.
No que respecta ás subvencións públicas, a central entende que non se pode seguir entregando cartos de todos/as os galegos/as a compañías que están en proceso de deslocalización e precarizan as condicións laborais, xa que “existen outros xeitos de fortalecer a nosa industria sen cargar os custes sobre os traballadores/as”.
Nesta liña, lembran que somos un país excedentario en produción enerxética, polo que propoñen a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega da que se poidan beneficiar as empresas. “Tamén hai que poñer á súa disposición chan industrial a un prezo razonábel”.
Outra das propostas da central pasa por crear unha bolsa de emprego de traballadores/as do sector para afondar na súa formación co obxectivo de contar con man de obra especializada. “É necesario rematar coa subcontratación de empresas de servizos, que empeoran as condicións laborais e a calidade do produto final”, sosteñen.
Finalmente, dende a CIG indicaron que Galiza é unha potencia no sector do automóbil: “Temos a teconoloxía necesaria e o persoal cualificado que se precisa nesta industria e queremos seguir contando no noso terrotorio coa industria auxiliar da automoción, pero non queremos que sexa unha industria colonial”.