A CIG agarda que ASPEL acuda á mediación con vontade real de avanzar nun acordo
Despois de demorar sen xustificación a súa resposta, a patronal estatal da limpeza, ASPEL, comunicou que acepta someterse á mediación solicitada polas centrais sindicais hai xa unha semana. A chamada de confirmación por parte do Consello Galego de Relacións Laborais chegaba esta mañá, xusto cando un grupo de traballadoras asistían ao pleno municipal do Concello de Lugo no que se aprobou unha moción de apoio á súa loita.
A primeira reunión da mediación terá lugar o vindeiro luns, 4 de decembro, ás 10:00horas, na sede da CEL (Praza de Santo Domingo), onde habitualmente se celebran as xuntanzas da comisión negociadora do convenio. Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, reclámalle á patronal que acuda con vontade negociadora real e que poña enriba da mesa unha nova proposta que permita avanzar nun acordo para pechar o conflito.
Denuncia que "xa está ben" de menosprezar e marear as traballadoras, que non merecen este maltrato da patronal por reclamar unhas condicións salariais e laborais xustas. E nesta liña, pídelle a ASPEL que abandone a súa postura inmobilista, traslade unha oferta económica sobre a que se poida negociar e retire da mesa a pretensión de recortar dereitos salariais como a antigüidade.
Castiñeira insiste en que a plataforma social non ten marxe de manobra e que as traballadoras, despois de 46 días en folga, non van tragar cun convenio que deixe as táboas por debaixo do actual SMI nin cun convenio que lles supoña retroceder nos escasos dereitos gañados. Por iso, tamén insta as persoas nomeadas polo CGRL para levar adiante a mediación a que valoren a especial situación de precariedade que padecen as traballadoras do sector Lugo, cun dos convenios máis baixos de todas as provincias.
As traballadoras levan cos soldos conxelados dende 2021 mentres o custe da cesta da compra e dos bens e servizos básicos non para de subir. Reivindicar unhas táboas salariais que queden un pouco por enriba do SMI "é unha demanda perfectamente asumíbel para unhas empresas que gañan beneficios millonarios, que copan a maioría dos contratos dos servizos de limpeza do sector público e que lle están reclamando ás administracións que revisen o prezo destes contratos ao tempo que pretenden perpetuar a miseria salarial para as traballadoras".