A CIG-Administración lanza unha campaña pola recuperación do poder adquisitivo do persoal público

Pon o foco nos dereitos salariais roubados desde 2010 que impiden facer fronte á suba do custo da vivenda, do gasto enerxético ou da cesta da compra
Nacional - 08 Out 2026

A CIG-Administración Pública ven de lanzar a campaña "Todo sobe! E o teu salario non dá para máis!" para reivindicar as propostas da central sindical como alternativa “ao legado que nos deixan os recortes da Administración dende 2010 e os sucesivos acordos asinados por CCOO, UGT e CSIF que permitiron perpetualos”. A iniciativa, que chegará aos centros de traballo nos vindeiros días, pon o foco nos dereitos salariais roubados “que impiden facer fronte á suba do custo da vivenda, do gasto enerxético ou da cesta da compra”.

» DÍPTICO CAMPAÑA RECUPERACIÓN SALARIOS

A federación de Administración Pública salienta que o persoal empregado público perdeu desde 2010 máis dun 23% no seu poder adquisitivo, sen que os acordos asinados polos sindicatos estatais teñan incluído ningunha medida para recuperalo. Pola contra, estes acordos afondaron nos recortes, “tal e como deixan en evidencia as últimas cifras do IPC, que na Galiza acadou o 4,9% no mes de setembro, fronte á suba salarial do 1,5% asinada por CCOO, UGT e CSIF para 2026”.

Esta perda de poder adquisitivo dos salarios públicos, denuncian, “está afogando as compañeiras e compañeiros traballadores das Administracións Públicas que non poden facer fronte á suba no custo da vivenda, a suba da enerxía e dos combustíbeis ou da propia cesta da compra”.

Existen alternativas

Por iso, a través desta campaña, a CIG pon novamente de manifesto que conta con propostas alternativas que posibiliten reverter esta situación, especialmente co estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial que permita actualizar as retribucións anualmente conforme ao IPC para frear a perda de poder adquisitivo.

“Mais non abonda con freala. A CIG propón tamén fórmulas para a recuperación de todo o poder adquisitivo perdido ao longo destes anos, así como outras medidas específicas para facer fronte á actual crise de acceso á vivenda”, subliña a federación.

Entre outras, a central nacionalista formula a reserva de vivenda pública en alugueiro para persoal empregado público, segundo o seu nivel de renda, especialmente en zonas con dificultades no acceso ou tensionadas. “Outra das medidas que permitiría facer fronte á crise habitacional sería a actualización dos complementos dos postos de traballo tendo en conta as zonas con mercados residenciais tensionados, melloras fiscais máis alá da mobilidade xeográfica, ou a negociación de mobilidades voluntarias”, engaden.