A CIG acolle con cautela o anuncio de Industria e agarda unha solución para a fábrica da Mariña antes do 30 de setembro
A CIG acolle con cautela o anuncio realizado esta tarde polo Ministerio de Industria a respecto do desbloqueo do proceso de venda da planta de San Cibrao e a concreción dunha nova data tope para pechar a operación. Á espera de coñecer a valoración do encontro e os termos do falado por parte da propia Alcoa, a central nacionalista agardaba que a reunión en Pittsburgh resultara no anuncio dunha solución máis pronta no tempo, pero que se sitúa agora no horizonte do 30 de setembro.
Este atraso prodúcese malia todo o tempo transcorrido xa dende o anuncio de ERE por Alcoa -en maio do pasado ano- e cando hai varias empresas con ofertas e propostas de compra coñecidas dende hai semanas. “Esperamos que este anuncio non sexa un intento de gañar tempo por ningunha das partes implicadas e que desta vez si se materialice nunha rápida solución para a fábrica de aluminio no sentido que levamos meses reivindicando: garantía de recuperación de todas as capacidades produtivas e mantemento de todos os postos de traballo”, sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A mellor garantía, que a SEPI adquira a planta
A CIG continúa a defender que a fórmula ideal para garantir o éxito desta operación é que a SEPI adquira as instalacións e, a través da empresa pública, buscar o mellor grupo comprador, coa calma necesaria para non cometer os mesmos erros que nas plantas da Coruña e Avilés e coa tranquilidade de manter empregos e produción en tanto se resolve a operación.
En calquera caso, engade Carril, urxe apartar a Alcoa da propiedade e dirección da fábrica pois resulta evidente que non abandonou o seu plan de peche e despedimentos. Por esta razón, a CIG reitera tamén a necesidade de proseguir coa mobilización e a loita no centro de traballo e nas rúas para forzar a todas as partes a materializar, antes do 30 de setembro, esa solución de futuro industrial pola que A Mariña está pelexando dende hai máis dun ano.
Nova xornada de mobilización
Con motivo da reunión en Pittsburgh, os traballadores e as traballadoras da fábrica de San Cibrao desenvolvían esta tarde unha nova mobilización, nesta ocasión cun corte de tráfico na N-642 a altura do cruce do Río Covo e unha marcha a pé até o Museo do Mar, no centro de San Cibrao.