A auga marca o prezo máximo da luz

Colectivo Bidán - 08 Mar 2022

O Estado español é o único que, no mercado regulado e flexíbel, traslada directamente os 24 prezos do mercado maiorista ás persoas consumidoras, residenciais e comerciais, provocando uns cambios de prezos que a xente non é capaz de comprender

 Nestes días convulsos, por moitos temas, semella que todo é culpa do conflito bélico en Ucraína, e, polo tanto, tamén o alto prezo final da electricidade como consecuencia da influenza do custo do gas natural.

 Este é o discurso formal que xustifica os altísimos prezos que pagamos pola electricidade, mais esquecen comentar algúns temas que, só por urxencia, imos enumerar.

 É coñecido que o mercado eléctrico, por decisión política, é marxinalista: o prezo de cada hora vén marcado pola última tecnoloxía necesaria para xerar a enerxía coa que atender o consumo previsto. Neste escenario actual, e segundo o discurso oficial, o normal sería pensar que é o gas natural quen provoca os altos prezos; primeiro erro, no momento de escribir este artigo, o máximo prezo histórico dáse ás 19:00 horas do día 8 de marzo (Día Internacional da Muller Traballadora), mais non vén fixado polo gas senón pola tecnoloxía hidroeléctrica, é dicir, a xeración con auga; aínda máis, das 24 horas do mesmo día só en 8 horas é o gas natural o que pecha, polo seu prezo, o mercado.

 E quen pode explicar que a xeración hidráulica que, coas centrais amortizadas, ten un prezo estimado de xeración de entre 3 e 7 euros/MWh oferte a súa produción a 700 euros, un 10.000% de beneficio?

Segunda cuestión: como pode un goberno denominado progresista permitir, sen facer nada, que a chamada tarifa regulada, obrigatoria para ter a axuda do bono social, poida ser máis cara -moito máis cara- que tarifas decididas polo mercado libre, deixando desprotexidas as persoas máis vulnerábeis? Só ten unha explicación, o oligopolio eléctrico autovéndese directamente enerxía das súas centrais ás súas propias comercializadoras, obrigando a eliminar, de facto, o mercado regulado -pero flexíbel- e, ademais, provocando a creba de moitas comercializadoras pequenas, competidoras do oligopolio.

 E xa para rematar, o Estado español é o único que, no mercado regulado e flexíbel, traslada directamente os 24 prezos do mercado maiorista ás persoas consumidoras, residenciais e comerciais, provocando uns cambios de prezos que a xente non é capaz de comprender, situación que se dá dende o 2014, por decisión do daquela Ministro do PP, José M. Soria, mais que tampouco foi modificado polo denominado goberno progresista.

 O sector enerxético, pola súa transcendencia, necesita de cambios profundos e moitas veces bótase de menos o rigor nesta área por parte de forzas denominadas de esquerda -a dereita está feliz coa situación-, e non sempre vale vivir de consignas; as decisións políticas na situación actual precisan de estrategos, non chega con propagandistas ou publicistas.

 

[As Pontes, 8 de marzo de 2022]

 

*Colectivo de debate enerxético Bidán (Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco)