A asemblea de Pescanova debatirá a convocatoria de folga ante o bloqueo das negociacións do convenio
A asemblea de traballadores/as de Nueva Pescanova que se celebra en Redondela este sábado debatirá a posibilidade de promover unha convocatoria de folga ante o bloqueo das negociacións do convenio colectivo tras 10 meses de conversas. As centrais CIG, CUT, UGT e USO rexeitan a última proposta da empresa -que insiste na flexibilidade laboral e na rebaixa salarial- e tras analizala co cadro de persoal proporán a adopción de medidas de presión.
Representantes da maioría sindical de Nueva Pescanova (CIG, CUT, UGT e USO) compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar que rexeitan a último borrador de convenio colectivo achegado pola empresa de alimentación ao entender que “non varía practicamente nada” con respecto á anterior proposta. A dirección insiste na súa intención de aumentar a flexibilidade de xornada e de reducir os salarios, principais “cabalos de batalla” das centrais.
“Así é imposíbel que poidan avanzar as negociacións, xa que seguimos a falar do mesmo que hai 10 meses e a empresa continúa a non recoñecer os actuais convenios como base para a negociacións, senón que pretende comezar de cero”, explica Suso García, da FGAMT-CIG. Diante disto, os sindicatos que ostentan a maioría da representación na empresa anunciáronlle xa á dirección que non acudirán ás vindeiras xuntanzas, optando por propoñerlle ao cadro de persoal a convocatoria de mobilizacións.
Así, aproveitarán a asemblea de traballadores/as que terá lugar en Redondela este sábado a partir das 10.00 horas para analizar a última proposta da empresa e debatir a posíbel convocatoria de folga. “Sería a primeira vez na historia do grupo que se promove un paro pola negociación do convenio, pero non podemos continuar como até o de agora, con propostas que son unha falta de respecto aos traballadores/as”.
Ameazas da empresa
Neste senso, critican a actitude que está a ter unha dirección de Nueva Pescanova “que mesmo chegou a ameazar os empregados/as con aplicarlles o convenio do sector no caso de que non se chegue pronto a un acordo”. Mais a empresa négase a aceptar a plataforma de convenio pactada entre todas as centrais no seu día, “proposta que mesmo apoiou CCOO antes de cambiar de posición e romper a unidade sindical”.
Finalmente, as catro centrais insisten en rexeitar as propostas da empresa, que pasan por un incremento salarial dun 0,75% para 2016 e dun 1% para 2017, 2018, 2019 e 2020; por crear unha nova categoría de entrada que tería un soldo entre un 30 e 40% máis baixo; e por aumentar a flexibilidade horaria e de xornada.