A asemblea de persoal de Albada ratifica o preacrodo para o convenio colectivo
A asemblea de traballadores e traballadoras da planta de Nostián celebrada onte pola noite ratificou por unanimidade o preacordo de convenio colectivo acadado entre a representación social e a empresa o pasado xoves. Este preacordo foi valorado positivamente polo conxunto do persoal, pero para logralo foi fundamental a loita e as mobilizacións levada adiante polos traballadores e traballadoras nestes últimos catro anos.
Á espera da sinatura final para a súa publicación no BOP, o convenio terá vixencia dos anos 2022 a 2027, recupera o articulado do convenio anterior, que decaeu en 2017, e incorpora unha cláusula de ultraactividade indefinida da que carecía e que a empresa aproveitou para deixar de aplicar o convenio.
Ademais de recuperar os dereitos perdidos, nesta negociación conseguíronse melloras tanto no ámbito económico como social. Na cuestión social gáñase un día máis de vacacións (32 días anuais), un días de asuntos propios a maiores, e que os días 24 e 31 de decembro as quendas de tarde non traballen, mentres que para as quendas de noite non serán laborábeis os días 23 e 30 de decembro.
Xunto a isto, increméntase a contía do Fondo Social que pasa a ter 15.000 euros anuais e establécese un seguro colectivo de 40.000 euros.
No aspecto económico, as táboas salariais incrementaranse un 5% dende 2023 a 2027, sumando, a final da vixencia do convenio, unha suba total do 25% dos salarios. Tamén se incorpora un plus adicional de produtividade de 200 euros para o ano 2022 e de 475 euros para 2023 e 2024, ligado a acadar as 1100tn recuperadas ao mes. Para os anos 2025 e 2026 o este plus sería de 425 euros.
Así mesmo, conseguiuse incorporar ao convenio un plus de turnicidade para o persoal de báscula e PLC (cabina de control), coa correspondente actualización segundo as táboas.
Tamén se recoñecen en convenio os dereitos que existían previamente no uso do crédito de horas sindicais.
Un preacordo conseguido grazas á loita e á mobilización
A CIG valora positivamente este preacordo que permite recuperar os dereitos perdidos e avanzar na mellora das condicións salariais e de traballo na planta de Nostián, logo de anos de loita incansábel dos traballadores e traballadoras. Neste senso, para o persoal resultaba prioritario dispor dun convenio colectivo vixente para poder incorporalo nos futuros pregos de condicións e desta maneira garantir o mantemento dos seus dereitos económicos e sociais cando entre a nova concesionaria.
A CIG tamén quere resaltar que foi o persoal quen coa súa firmeza, determinación e unidade conseguiu rachar as dinámicas de recortes que pretendía impor a empresa e conquistar un convenio digno e con dereitos.
Finalmente, a central nacionalista advirte que estará vixilante no cumprimento efectivo dos acordos alcanzados e segue a reivindicar do Concello da Coruña a posta en marcha da licitación da nova concesión.