A Área Pública da CIG mobilízase contra o peche da oficina de MUFACE de Compostela
A mobilización tivo lugar ás 11:00 horas diante da oficina que se prevé pechar a finais de mes, onde os manifestantes mostraron o seu rexeitamento coa decisión. Ao mesmo tempo tivo lugar en A Coruña unha reunión co director provincial de MUFACE para coñecer de primeira man as opcións para a continuidade da oficina e mostrar o desacordo. Á espera da evolución da situación está convocada unha nova mobilización para o vindeiro luns 27 de setembro ás 11:00 horas diante da oficina de MUFACE de Compostela.
Reunión co director provincial de MUFACE
A Área Pública da CIG reuniuse hoxe con Carlos Pérez, director provincial de MUFACE, para coñece de primeira man a situación. Na reunión infórmase de que esta foi unha decisión unilateral da sede central de MUFACE de Madrid, que comunicou á sede provincial de A Coruña esta decisión a principios de verán. Sen embargo, este peche non foi tratado en ningunha comisión en Madrid. A xustificación de MUFACE en Madrid é polo aumento de trámites electrónicos, aspecto non se axusta á realidade en Compostela, pois é unha das sedes galegas con máis trámites presenciais.
A Área Pública da CIG espera que MUFACE rectifique no peche desta oficina que leva anos ofrecendo servizo a miles de mutualistas na capital. Trátase sobre todo de persoal de primaria e secundaria da ensinanza pública, de profesorado universitario, de persoal de correos e outro persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado.
Moitas localidades que dependían desta oficina sufrirían un forte revés ao ter que desprazarse á cidade de A Coruña ou a facer os trámites de xeito electrónico ou correo postal, como é o visado da inspección médica para determinados medicamentos, que suman máis dun centenar de afectados que precisan este visado e agora se teñen que desprazar á oficina de A Coruña ou a facer o trámite a través de correo postal.
O colectivo dos xubilados o máis afectado
A partir do 30 de setembro MUFACE centralizará o servizo provincial de A Coruña na oficina desta cidade sen ter en conta o grave prexuizo que causa ás comarcas que facían uso do servizo prestado dende fai moitos anos na oficina compostelana. O colectivo de xubilados sería un dos máis afectados pola distancia e dependencia da atención persoal que estaban a recibir nesta oficina.
A proximidade co colectivo, a mellora continua ou a excelencia na xestión son os obxectivos do Plan MUFACE Avanza 2021-2023, pero “a proximidade aos mutualistas non se vai a lograr distanciando a oficina da súa área de influencia”, insisten os participantes do colectivo de xubilados presentes na mobilización.
As funcionarias da oficina de MUFACE compostelana
A oficina contaba con dúas funcionarias con destino na mesma. Unha das funcionarias xubilábase o 3 de setembro, e a outra o 1 de decembro, pero co desfrute dos días de vacacións e de asuntos propios, xa non prestará servizos dende o día 5 de outubro de 2021. Na reunión co director provincial de MUFACE infórmase de que estas dúas xubilacións se acumularán ás xubilacións de A Coruña, pero admite que nos dous últimos anos hai outras cinco xubilacións que aínda non se cubriron porque non existen listaxes de interinidades para ocupar estas prazas nin se cubriron por concurso interno.