A Área Pública da CIG chama a mobilizarse contra o peche da oficina de MUFACE de Santiago
MUFACE ten anunciado o peche da oficina que ten en Santiago o vindeiro 30 de setembro, deixando sen atención directa a todos os mutualistas do sur da provincia da Coruña. Son milleiros de persoas as que veñen sendo atendidas na oficina de Compostela para realizar persoalmente diversos trámites. Por iso a Área Pública da CIG convoca concentracións para os días 21 e 27 de setembro, ás 11:00 horas.
A Área Pública da CIG asegura que vai loitar por manter esta oficina aberta para que atenda de forma presencial ás persoas mutualistas e ás súas familias a xa ten solicitada unha entrevista co director provincial para ver de reverter a decisión do peche. Advirte que hai miles de persoas afectadas que dependen desta oficina, o persoal de primaria e secundaria do ensino público, o profesorado universitario, Correos e outro persoal que traballa para a administración central do estado, así como o persoal xubilado de todos estes corpos.
Coa pandemia, MUFACE restrinxiu o acceso ás súas oficinas e potenciou a atención a distancia. “Esta atención xa existía antes da pandemia, vía correo postal, teléfono e mesmo coas novas tecnoloxías, os mutualistas podiamos ser atendidos deste xeito desde hai tempo”, explican desde a Área Pública da CIG. Máis advirten de que hai moitas persoas, sobre todo o persoal xubilado, que prefire unha atención directa e personalizada. “Que se mellore a atención a distancia non é óbice para que se peche unha oficina que ademais de “atender a distancia” tamén realiza unha atención presencial”.
Aseguran que nun primeiro escrito comunícase que a oficina pecha por mor da xubilación das dúas persoas que nela traballan. Mais noutro posterior, colgado na súa páxina, desde MUFACE argumentan que é unha oficina delegada da provincial da Coruña e que “non realiza trámites directamente” agás algún servizo pouco utilizado.
Indican ademais que “os recursos persoas e materiais da Santiago serán centralizados na oficina da Coruña para facer máis eficiente o labor de atención aos mutualistas de toda a provincia”. Fronte a isto, desde a Área Pública da CIG consideran evidente que a atención directa ás persoas mutualistas do Sur da provincia “vai empeorar e a atención a distancia non vai mellorar se se xubilan dúas persoas ou levan unhas mesas de Santiago á Coruña”.
A CIG considera que é “unha tomadura de pelo, que MUFACE presuma da cercanía co colectivo, a mellora continua ou a excelencia na xestión son os obxectivos do Plan MUFACE AVANZA 2021-2023 que dan base a esta decisión: Chaman “cercanía ao colectivo” a alonxar unha oficina 70 km?”, pregúntanse.
Anexo práctico
Un mutualista que vive en Ribeira e teña que realizar un trámite en persoas, antes viña a Santiago e agora terá que ir á Coruña. pode ir pola AP-9, 140km., 22,56 euros e 1h35m.; pode ir pola AC-2, 134km., 17,19 euros e 2h23m; ou pola AG-1, neste caso serían 151 Km., 20,81 euros e 2h17m; aparcar na Coruña, realizar o trámite e voltar a Riveira. En resumo, un mínimo de 40 euros e 3 horas.
No seu escrito alegan o pouco uso da oficina de Santiago. Pero, en realidade, é a que máis demanda ten de atención no propio local, cunha media, na pandemia de 25 citas presenciais. o 16 de setembro, ás 13,15 h., na súa páxina, comprobamos a demanda de citas presenciais nas diferentes oficinas de Galiza e o resultado foi:
oficina |
capacidade de citas |
día 16 |
día 17 |
día 18 |
total |
Santiago |
27 |
21 |
20 |
8 |
49 |
Coruña |
27 |
9 |
1 |
1 |
11 |
Lugo |
16 |
4 |
4 |
2 |
8 |
Ourense |
29 |
9 |
4 |
2 |
15 |
Pontevedra |
27 |
7 |
6 |
1 |
14 |
Vigo |
27 |
10 |
2 |
1 |
13 |
|
|
|
|
|
|
Unha vez que remita a pandemia e poidamos voltar á normalidade queremos ser atendidos en persoa na oficina de sempre. A mellora da atención a distancia non debe ser a costa de eliminar a atención presencial. “optimizar recursos” non é centralizalos nun lugar, eliminar a atención directa e remitir todo a unha páxina web ou a un teléfono.