A adxudicataria do estilismo da CRTVG ameaza con sancións o persoal por non identificarse en castelán
A proposta da CIG, o comité de empresa Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) entregoulle hoxe un escrito á dirección da canle pública reclamando o cesamento das amezas de sanción dos responsábeis da nova empresa adxudicataria do servizo de estilismo, Acicala Estilismo, ás súas traballadoras por non poñer en lugar visíbel as identificacións facilitadas e que están escritas en castelán.
Segundo denuncian dende a representación dos traballadores/as, estas identificacións incumpren o artigo 6 da Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que establece que a lingua da CRTVG é o galego e que as comunicacións efectuadas ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas teñen que ser en lingua galega.
As ameazas prodúcense despois das queixas que Acicala Estilismo di ter recibido por parte do coordinador de Seguridade e Saúde Laboral da CRTVG, que esixe a identificación no posto de traballo deste persoal, cando non existe o mesmo requirimento no caso dos empregados/as doutras contratas que prestan servizo no centro de traballo da CRTVG en San Marcos.
Conflito laboral coa anterior adxudicataria
A empresa Acicala Estilismo fíxose recentemente co servizo de estilismo tras un largo conflito laboral no que as traballadoras/es desenvolveron numerosas mobilizacións -e mesmo convocaron unha folga que finalmente non se chegou a efectivizar- en protesta polas débedas salariais que acumulaba a anterior compañía concesionaria, New Model’s.
Con todo, dende a sección sindical da CIG na CRTVG seguen a defender a necesidade de proceder ao rescate para a xestión pública dos servizos de estilismo e barbería, “así como de calquera outro servizo da actividade principal do ente que teña carácter estrutural, con subrogación de todo o persoal, como única garantía de mantemento do emprego e de sustentabilidade do servizo público”.