28 de xuño, Día do Orgullo LGTBIQ: a prol da diversidade e pola igualdade de dereitos
Case medio século após da revolta de Stonewall aínda son moitas as barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, transexuais, bisexuais, intersexuais....
A recente masacre de Orlando visibilizou a violencia coa que actúa o heteropatriarcado. E Galiza non escapa do odio e da fobia que esperta a diversidade sexual en determinados estratos da sociedade. Así, non son anecdóticas nin minoritarias as agresións e ataques a persoas LGTBIQ, o acoso nas redes sociais aos colectivos ou organizacións cando publicitan algunha das súas accións, mesmo o boicot á difusión das manifestacións polo Día do Orgullo, por parte de sectores reaccionarios vinculados á dereita.
Por iso segue a ser preciso denunciar que falta moito aínda para conquistar a igualdade real e a normalización social. Igualdade real que choca frontalmente coa hipocresía do goberno do Partido Popular, que é quen de poñer en marcha políticas ultraconservadoras desde o executivo da Xunta de Galiza durante todos estes anos, impoñendo a súa moral reaccionaria e intolerante, e o seu modelo tradicional de familia (LOMCE, Lei de familia, convenios coa Red Madre, etc) e paralelamente aprobar unha Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza, ou un Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero.
Ante un novo 28 de xuño, a CIG denuncia:
- As discriminacións e vulneración de dereitos que sofren as persoas LGTBI na Galiza e que fan do noso país a terceira comunidade do Estado cun maior número de delitos de odio por orientación ou identidade sexual.
- As discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, despedimentos...), como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas galegas e galegos pola súa opción afectivo-sexual ou pola súa identidade de xénero .
- A estigmatización e os estereotipos que segue a conter o Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2015-2018, pese as denuncias e esixencias de que fose modificado, segue a vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas nas súas prácticas sexuais proclives a contraer sida.
- A falta de dotación orzamentaria que permita poñer en marcha á Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza, e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade do estado).
- Que a Carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde vincula os tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) á existencia dun trastorno documentado da capacidade reprodutiva, constatada tras un protocolo diagnóstico, ou tras a ausencia de consecución de embarazo despois dun mínimo 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos, excluíndo por tanto, ás mulleres lesbianas da posibilidade de ser nais.
- Que a nova lei educativa, a LOMCE, impide termos un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático; imposibilita un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade.
Por todo o exposto, esiximos ao goberno da Xunta:
- Que garanta o dereito á protección da saúde das persoas transexuais, incluíndo o tratamento clínico integral de reasignación de sexo no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde. Garantir o respecto á diversidade das persoas cuxa identidade rexistral non coincide coa súa identidade de xénero.
- O acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego por parte daquelas mulleres que así o soliciten, teñan ou non parella, sexan lésbicas ou bisexuais.
- Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.
- Que promova un ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.
- Programas de prevención da LGTBIfobia, e de asesoramento LGTBI, dirixidos aos departamentos de orientación dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGTIfóbico.
- A nivel laboral, a erradicación das actitudes homo/lesbo/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación no acceso e mantemento do emprego, que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todas e todos os traballadores.
Desde a CIG reiteramos un ano máis o noso compromiso e a nosa aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación e sumámonos ao orgullo pola diversidade afectivo sexual e de xénero e á loita LGTBIQ facendo un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos en torno ao 28 de xuño.
28 de xuño de 2016