Zona Franca de Vigo permitiu obras o 12-O
Para a Federación de Construción da CIG esta situación revela a “hipocrisía e cinismo” coa que actúa o goberno do Estado, que non dubida en actuar con contundencia ante a apertura do concello de Badalona no 12 de outubro mentres continúa tolerar o traballo en festivos e sobre-explotación en obras para entes públicos.
Deste xeito, e a pesar das numerosas advertencias da CIG, a Zona Franca de Vigo leva anos subcontratando empresas “que se sabe de antemán que van incumprir todas estas materias”, con salarios “moi por baixo do regulado en convenio” e “xornadas de 10 ou 11 horas”. Empresas, nas que ademais “ningunha destas irregularidades se regulariza en nómina”, con salarios “abonados en negro”.
Esta situación foi denunciada repetidamente ante Inspección de Traballo e até en dúas ocasións en reunións con responsábeis do departamento de Obras, así como coa Delegada da entidade. Porén, non só ningún dos compromisos aos que se chegou se ten materializado, se non que a tolerancia coa sobre-explotación e mailo incumprimento coa legalidade sostidos no tempo converten a Zona Franca en “colaboradora activa coa fraude á Seguridade Social e a Facenda”.
Desde a CIG-Construción, aseveran, ademais, que se está a premiar a empresas incumpridoras en detrimento daquelas onde se respeita o convenio, “que nen chegan a optar directamente á licitación de obra”. Tamén que o exceso de xornada provoca que por cada tres operarios “se deixe de crear un novo posto de traballo”.
Por último, comunican que continuarán coas denuncias e iniciarán mobilizacións se na vindeira reunión coa Dirección da Zona Franca non hai avances.