ZF Dalphimetal, compañía da automoción viguesa, discrimina traballadoras que secundaron a folga do 8M
Os e as representantes sindicais da CIG en ZF Dalphimetal España, empresa do sector da automoción con sede en Vigo, denuncian que a dirección vén de discriminar a unha traballadora por secundar o paro feminista do pasado 8 de marzo non renovándolle o contrato.
Segundo explican, ZF Dalphimetal vén facendo contratos de traballo por acumulación de tarefas, chegando a ter unha porcentaxe de preto dun 50% de eventualidade dende o repunte do sector da automoción. En data 16-11-2017 eran contratadas oito persoas, que ao cabo dos seis meses de contrato son todas renovadas agás tres delas, un traballador por estar en situación de ILT baixa, outro porque se negaba a facer horas extras e o caso máis discriminatorio: unha traballadora eventual de fabricación por secundar a folga do 8M.
A empresa aproveitou que nese momento aínda non estaba constituído o comité de empresa que viña de saír do proceso de eleccións sindicais, polo que os delegados da CIG optaron, en primeiro lugar, por denunciar verbalmente á empresa nunha reunión mantida con RRHH e solicitando documentación sobre contratación nesas datas; logo de revisar a documentación quedou en evidencia a discriminación da non continuidade destes/as tres traballadores/as, e en especial a discriminación da muller por secundar a folga.
A mentira da área de persoal quedou en evidencia, xa que a empresa segue a contratar operarios/as para facer as mesmas tarefas que desenvolvía a despedida
Feitas varias peticións á empresa sobre o que entendían unha discriminación, sobre todo no caso da traballadora, e tratando en todo momento de que a empresa asumira unha rectificación dos feitos, a día de hoxe seguen a dicir que foi por causas de necesidade de fabricación, xa que supostamente os traballos que desenvolvía xa non eran necesarios.
“A mentira do departamento de RRHH quedou en evidencia, xa que segue se a contratar persoal para facer as mesmas tarefas que desenvolvía a traballadora”, sosteñen.
Os e as representantes da CIG en ZF/Dalphimetal lembran que nas reunións mensuais coa empresa a CIG xa se lle advertira á dirección que non se lle ocorrera penalizar as traballadoras/res que decidiran secundar a folga. “Queremos manifestar a máis rotunda repulsa a esta actitude discriminatoria e en especial de xénero, polo que non descartamos adoptar accións legais contra estas actitudes empresariais que vulneran dereitos fundamentais como é o de folga”.
Diante disto, esixen a rectificación urxente da dirección de ZF/Dalphimetal para que a traballadora e traballadores que foron excluídos/as da renovación sexan readmitidos/as.
A folga como dereito fundamental
Po outra banda, salientan que a folga do Día Internacional da Muller Traballadora tivo un seguimento moi amplo e causou un forte impacto na sociedade, xa que milleiros de mulleres galegas abandonaron as fábricas, os comercios, as oficinas, os hospitais, os centros educativos, as Administracións, as instalacións deportivas para exercer o seu dereito á folga. “Está recollido claramente na lexislación, a mesma que a empresa ZF/Dalphimetal vulnera disfrazándoa con datos de produción. A folga é un dereito fundamental e a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito”.
Entenden que esta folga foi unha chamada de atención, un berro colectivo das mulleres galegas e de milleiros de mulleres de todo o mundo, que facendo uso do instrumento de loita máis importante que ten a clase traballadora galega, “xuntáronse para exercer o seu dereito”.