Xustiza para Pintos. Defender os dereitos da clase traballadora non é delito!
"Xustiza para Pintos". Baixo esta consigna a CIG vai desenvolver unha campaña contra a persecución da loita obreira e para esixir a absolución do compañeiro Pintos, que os vindeiros días 12, 13 e 14 de novembro se enfronta a un xuízo na Audiencia Provincial pola súa participación nas mobilización que no ano 2012 realizaron traballadores/as do naval e Poligal en defensa do emprego. Pero o caso de Pintos non é illado, senón que no resto do país están abertos varios procesos xudiciais e administrativos, motivo polo que CIG ten en marcha unha campaña contra a criminalización da mobilización social e na defensa dos dereitos e liberdades baixo o lema “Non hai represión que pare a loita obreira”.
O proceso aberto contra Xesús Anxo López Pintos foi cualificado polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, de “pantomima, fraude e montaxe”. Carril compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto ao secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal Anca, para informar das mobilizacións que a central vai desenvolver antes e durante a celebración do xuízo na Coruña.
Grandal lembrou que os feitos polos que Pintos (daquela co-secretario comarcal da CIG) vai ser xulgados ocorreron no ano 2012, nun momento de alta conflitividade na comarca pola crise laboral e social “que se daquela era terríbel agora xa é dramática”. Neste contexto, traballadores do naval e de Poligal levaron as súas mobilizacións en defensa do emprego até as portas do Hotel Almirante, aproveitando o acto de inicio de campaña electoral ás autonómicas do PP. Alí, no marco dunha carga policial, Pintos foi golpeado, detido e trasladado á comisaría "onde sufriu agresións e vexacións".
"Resulta intolerábel que sendo el o agredido se enfronte agora a unha acusación de atentando, pola que a Fiscalía lle pide dous anos de prisión e a acusación particular (un axente de policía) tres anos. Pero pola contra, a Fiscalía non tivo en conta a denuncia presentada por Pintos para que se investigaran as agresións que sufriu na comisaría", subliñou Grandal. A situación do compañeiro agrávase porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos, polo que, de saír unha sentenza condenatoria tería que entrar na cadea.
Ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización
Para Paulo Carril estamos ante un ataque descarado contra o sindicalismo, a mobilización social e a folga como ferramentas fundamentais da clase obreira para a defensa dos nosos dereitos e a mellora das condicións de vida. Unha persecución da resposta social agudizada durante os anos máis duros da crise e contra da que o PP, estando á fronte do Goberno español, aprobou medidas tan lesivas como a chamada Lei Mordaza ou a reforma do Código Penal, que o Goberno do PSOE de Pedro Sánchez, malia as súas declaracións, non derrogou.
"Chama a atención que todo isto ocorra nunha comarca tan castigada como Ferrolterra e ademais con motivo dun acto electoral do PP, culpábel en grande medida das políticas que levaron á que hoxe esta sexa a zona 0 da desertización industrial que sofre Galiza", afirmou. Nesta lóxica represora, engadiu Carril, púxose en marcha toda a maquinaria do estado, recorréndose ao aparato xudicial e a represión policial para criminalizar e atacar as organizacións, colectivos e persoas máis reivindicativas, nun contexto de perda de emprego e empobrecemento xeneralizado da clase obreira.
"Como é posíbel que dende 2012 se teña aplicado con asañamento todo o sistema xudicial e policial para reprimir e levar ao compañeiro Pintos a xuízo? É incomprensíbel, inaudito e asumímolo como un ataque ao conxunto da central sindical".
A CIG fai un chamamento ás demais organizacións
Fronte a isto, o secretario xeral avanzou que "non imos cesar nas nosas denuncias deste tipo de farsas, nin consentir que se continúe a perseguir a quen defende o dereito a traballar e vivir dignamente na nosa terra. Como CIG, na nosa mellor tradición imos levar a loita a onde sexa necesario". Neste senso, Manuel Grandal, apuntou que "agardamos que o compañeiro Pintos saia absolto, pero de non ser así, chegaremos a todas as institucións, nacionais e internacionais, que teñamos que chegar para pedir xustiza".
Mais, este atropelo abarca a toda a clase traballadora e por iso a CIG faise un chamado ás demais centrais sindicais e organizacións sociais para que se sumen aos diferentes actos e iniciativas que se convoquen. De feito, a central vai promover unha manifestación comarcal (sen data fixada pero que podería ser na última semana de outubro), pronunciamentos de comités de empresa e mocións nos Concellos posicionándose contra esta persecución.
Alias, coincidindo cos tres días do xuízo, desenvolveranse concentracións na Coruña diante das dependencias da Audiencia da Provincial.
Campaña nacional contra a represión
Cómpre subliñar que a CIG ten en marcha unha campaña a nivel nacional contra a represión sindical que se vai desenvolver baixo o lema " Non hai represión que pare a loita obreira", porque "por desgraza, hai moitos Pintos en Galiza, moitos traballadores e traballadoras ás que se lle está aplicando a mesma mecánica de querer utilizar a xustiza para criminalizar e amedrentar a defensa dos dereitos da clase obreira", dixo Carril. Por iso animou "a seguir na mobilización estes días e todos os días que sexan necesarios".