A Xunta de Persoal Docente da Coruña demanda o cesamento do novo director territorial de Educación
A Xunta de Persoal Docente da Coruña solicitoulle formalmente o pasado luns á Consellería de Educación o cesamento de José Santiago Freire Abeijón como novo director territorial de Educación, ao considerar que non reúne o perfil profesional nin persoal axeitado para desempeñar o cargo. Petición que, lamentan, aínda non recibiu ningunha resposta por parte da administración.
Este mércores, 25 de marzo, estaba convocada ás 10 da mañá a primeira Xunta de Persoal á que o director territorial non acudiu, escusando o inspector xefe a súa ausencia por producirse unha incidencia “urxente” nun centro de Lousame. Incidencia da que Freire “xa era coñecedor no día de onte”, polo que entenden que “estamos ante a primeira mostra de falta de respecto cara ao profesorado, a través da Xunta de Persoal”.
Consideran unha sospeitosa coincidencia que, ante a primeira convocatoria deste órgano de representación do profesorado e “na que o principal punto da orde do día era a petición do seu cesamento, haxa unha incidencia no comedor dun centro de Lousame, Concello no que foi alcalde durante varios anos”. “Esta mesma dilixencia e presenza física é a desexábel para este cargo ante todos os problemas educativos dos centros docentes da Coruña”, aseveran.
Con todo, a representación do profesorado considera que a designación deste cargo debería responder a criterios de mérito, capacidade e coñecemento do sistema educativo, nun contexto tan complexo como o actual no que os centros afrontan importantes retos organizativos, pedagóxicos e sociais. Porén, os antecedentes públicos do director territorial “resultan absolutamente incompatíbeis co exercicio dun cargo de responsabilidade educativa: investigacións abertas por organismos fiscalizadores, polémicas polo uso de fondos públicos e posicionamentos e comentarios que chocan de fronte cos valores democráticos e cos principios dunha escola pública, plural e inclusiva”.
Por todo o anterior, a Xunta de Persoal docente da Coruña reitera a súa esixencia de cesamento inmediato e reclama o nomeamento dunha persoa que conte cunha traxectoria profesional vinculada ao ensino e cun compromiso firme cos principios de igualdade, respecto e servizo público.
Igualmente, advirten que non se tolerará ningún comportamento discriminatorio nin actitudes que supoñan unha falta de respecto cara ás mulleres ou a calquera outro colectivo.