“Xunta implicación, Faurecia solución”
O cadro de persoal de Madera Fiber (antiga Faurecia Interior Porriño) mobilizouse hoxe polas rúas de Vigo e diante do Cluster de Automoción y Movilidad de Galicia (Ceaga) ao berro de “Xunta implicación, Faurecia solución) en defensa dos seus postos de traballo ante a crítica situación que atravesa a compañía con sede no polígono das Gándaras.
Dende a representación da CIG en Madera Fiber insisten na necesidade de que o Goberno galego se implique na busca dunha solución que permita a continuidade do proxecto industrial e o mantemento dos 103 empregos actuais. “E esa solución pasa por atopar un inversor serio que reflote a compañía e por que os traballadores/as volvamos pertencer a Faurecia”, sinalan.
Mais o prazo solicitado pola Xunta recentemente ao cadro de persoal para lograr sentar a Faurecia na busca dunha solución expira hoxe, “sen que saibamos nada das xestións feitas nestes sentido”. A propia conselleira de Industria e a directora xeral do IGAPE comprometéranse co comité nunha xuntanza celebrada días atrás a contactar coa empresa “a cambio de non levar a cabo a concentración que tiñamos prevista diante do Parlamento o venres pasado”.
Por iso continuarán coas mobilizacións previstas para os seguintes días, que terán lugar este martes 31 diante de Faurecia Escapes en Ourense de 13:00 a 14:30 horas e o venres 3 de novembro na Cidade da Xustiza de Vigo de 8:00 a 12:00 horas, coincidindo coa celebración do xuízo pola cesión ilegal de traballadores/as de Faurecia a Madera Fiber.