Xunta de persoal e comité denuncian que Correos discrimina as mulleres nos postos de dirección da Zona I
O comité e a xunta de persoal de Correos na provincia da Coruña denuncian a "actitude machista e patriarcal da empresa" por seguir dando prioridade ao nomeamento dos homes nos postos de dirección (de maior responsabilidade e mellor retribuídos), malia a porcentaxe das traballadoras ser superior á dos traballadores e de que no Plan de Igualdade se contempla a implementación de medidas para reverter esta realidade. Fronte a esta discriminación, reclaman que o Plan de Igualdade "non quede nun mero trámite" e que se poñan en marcha as medidas que permitan ás mulleres acceder en igualdade de condicións aos postos de dirección.
Na memoria anual de Correos do ano 2018, reflíctese que un 51.31% do cadro de persoal son mulleres. "Se separamos o persoal funcionario (a extinguir) e laboral, no primeiro caso un 31.29% do persoal son mulleres, mentres que se falamos do persoal laboral, atopamos que a porcentaxe de mulleres é dun 55.77%".
Porén, "a tradición patriarcal herdada da sociedade na que vivimos é asumida e séguese mantendo desde Correos", pois nesa memoria compróbase facilmente que os postos con maior nivel de responsabilidade e de retribucións son ocupados por homes, mentres que a proporción de mulleres diminúe a medida que se ascende na xerarquía piramidal da empresa. Esta discriminación acontece "aínda que, por parte da empresa, está constatado que en materia de formación e capacitación, as diferenzas entre ambos sexos son inapreciábeis".
Na dirección da Zona I todos os cargos están ocupados por homes
Poñen o exemplo do organigrama da Dirección da Zona I en Correos, no que a totalidade dos cargos de dirección (director de Zona, Comercial, Rede de Oficinas, Rede de Loxística, Recursos Humanos, Finanzas e Tecnoloxía) están ocupados por homes. "Estes son cargos de libre designación", engade a secretaria da xunta de persoal, Begoña Vázquez, "polo que podemos ver a actitude machista de Correos, que non aposta pola capacidade de liderado das mulleres, aínda que un dos obxectivos do Plan de Igualdade de Correos é que a empresa adoptará medidas para aumentar a representación feminina nos postos de representación e decisión empresarial".
A este respecto, lamenta a gran ocasión perdida para comezar a mudar esta situación cando nos pasados meses se produciron os novos nomeamentos da Zona 1, pero unha vez máis "comprobamos como a paridade que se vende e o Plan de Igualdade, queda en papel mollado". Se estes cargos de dirección se elixiran por unha oposición que estivese sometida aos principios de igualdade, mérito, capacidade e transparencia, "seguramente a configuración do organigrama sería diferente", aseveran dende os órganos de representación social.
Para a xunta de persoal e o comité resulta "lamentábel que a sociedade xa estea a cambiar neste sentido e Correos, no canto de sumarse ao cambio e mesmo ir por diante dando exemplo debido ao seu carácter público, siga reproducindo e perpetuando o sistema patriarcal tan nocivo para o funcionamento de calquera estamento importante para a sociedade como o é Correos".