Xunta de persoal do Chuvi e SOS Sanidade desenvolverán un calendario de protestas en xullo que podería estenderse a agosto
Os representantes do cadro de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e o colectivo en defensa da sanidade pública veñen de consensuar un intenso calendario de mobilizacións que contempla protestas todas as semanas do mes de xullo. Ademais, xa anunciaron que unha vez que rematen estas acción reinvindicativas avaliarán a posibilidade de repetilas en agosto.
A primeira das citas terá lugar este mesmo xoves día 7, xornada na que desenvolverán unha concentración na entrada principal do Meixoeiro ás 12.00 horas. Este hospital está moi presente nas reivindicacións que se atopan detrás das protestas, xa que unha das demandas ten que ver coa apertura dunha unidade de críticos/as no centro.
A seguinte mobilización, convocada para o xoves 14 ás 12.00 horas, terá como escenario a porta de consultas externas do hospital Álvaro Cunqueiro, co obxectivo de reclamar o seu rescate para a sanidade pública. A continuación desenvolversanse novas protestas o xoves 21 (na antiga entrada de Urxencias do hospital Xeral ás 20.00 horas) e o 28 (na sede do Sergas na rúa García Barbón ás 12.00 horas).
Unha vez rematado o calendario reivindicativo, xunta de persoal e SOS Sanidade avaliarán a posibilidade de repetir o ciclo de mobilizacións no mes de agosto para seguir a reclamar tamén a apertura de todas as camas de hospitalización e un plan de choque para reducir as listas de espera, ademais de rexeitar calquera derivación á sanidade privada.