Xuízo a Ferrovial Servizos por impedir conciliar a vida laboral e familiar
Ferrovial Servizos, empresa que xestiona as instalacións deportivas municipais da Coruña, irá a xuízo o próximo xoves por non permitir a conciliación da vida familiar e laboral dunha traballadora ao modificarlle o horario de traballo. A empregada ten unha redución de xornada por garda legal.
Ferrovial comunicou a traballadora, que é delegada de persoal, que lle mantiña a redución de xornada pero movendo os seus horarios laborais. Coas novas quendas á traballadora resúltalle imposíbel conciliar. "Cando unha traballadora ou traballador solicita unha redución de xornada por garda legal por coidado de menor faino porque ten a necesidade de acomodar o seu horario de traballo para poder atender ás súas crianzas. Se a empresa cambia as xornadas como lle dá a gana, ese dereito perde todo o sentido ao impedirse a conciliación", denuncian dende a CIG-Servizos da Coruña.
A empresa argumenta que cos antigos horarios de traballo, presuntamente, non se estaba a cumprir cos pregos e o convenio colectivo. Neste senso, dende CIG-Servizos explican que cando se asinou o convenio de instalacións deportivas no ano 2010, a representación social e a anterior concesionaria chegaron a un acordo polo cal se mantiñan os mesmos horarios que se realizaban até ese momento.
No ano 2012, Ferrovial Servizos resultou adxudicataria da xestión das instalacións deportivas, subrogando a todo o persoal nas mesmas condicións que tiñan. "Polo que non se entende o cambio de criterio, mais cando a empresa está a piques de deixar a concesión", engaden.
A pesares das reunións coa empresa, esta non cambiou a súa postura, negándolle a conciliación á traballadora, polo que o vindeiro xoves haberá xuízo.
Dende CIG-Servizos subliñan tamén que esta traballadora non é a única afectada, xa que a empresa aplicou un cambio colectivo de xornada para o conxunto do persoal. A modificación xa foi denunciada diante da Inspección de Traballo e a raíz da mesma presentouse demanda colectiva no xulgado, quedando fixado o xuízo para o próximo mes de abril.
De igual xeito, a representación do persoal tamén deu traslado da actuación da empresa á Concellaría de Deportes do Concello da Coruña, aínda que até o momento a administración municipal non realizou ningunha xestión.