Xubilados e pensionistas da CIG chaman á mobilización en defensa das pensións

Denuncian que se está poñendo en cuestión a súa viabilidade para favorecer os plans privados
Nacional - 17 Nov 2016

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG iniciou este xoves, con concentracións nas sete cidades e en Verín, unha campaña para sensibilizar á poboación, nomeadamente aos xubilados/as e pensionistas, sobre a necesidade de mobilizarse en defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI.

Nas distintas concentracións convocadas, ás que se sumaron –no caso de Pontevedra e Vigo- emigrantes retornados/as, fíxose un chamamento tanto a quen xa son xubilados/as, como ao resto de sectores atinxidos, para que se organicen diante da inminente reforma das pensións.

De feito, alertaron de que nos últimos meses se están a escoitar todo tipo de informacións emitidas por supostos expertos que poñen en cuestión a viabilidade futura do sistema público de pensións, a capacidade para pagar aos e ás pensionistas actuais nos próximos anos, ou mesmo sobre a posibilidade de manter as pagas extraordinarias.

A este respecto denunciaron que son as “mesmas mentiras de sempre”, que teñen como obxectivo xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións para favorecer os plans privados "dos que se enriquece as grandes empresas e bancos que as xestionan".

Ademais acusaron tanto ao PP como ao PSOE de dificultar cada vez máis, coas súas sucesivas reformas das pensións e da Seguridade Social, o acceso ás pensións contributivas, rebaixando as contías de quen accede ao sistema e atrasando a idade efectiva de xubilación.

 

Pensións por debaixo da media en Galiza

O Colectivo de Xubilados e Pensionistas denuncia que nos últimos 6 anos houbo varios exercicios nos que non se revisou o importe nominal das pensións ou fíxose por baixo da inflación, chegando a incumprir a lei para a súa actualización pola desviación do IPC até que no ano 2013 se procedeu a anulación desta lei.

Esta última reforma das pensións executada polo PP elimina a referencia do IPC para o incremento das pensións e promove un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras, "sobre as mentiras do aumento da esperanza de vida".

Estas políticas provocan que un empobrecemento maior dos/as pensionistas: case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, aumentándose a diferenza negativa. Así, en Galiza a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

 

1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos na pobreza

E se esta situación é grave en xeral, máis o é no caso das mulleres que tamén para isto son obxecto de descriminación por unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto á feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.

A todo isto engaden o “roubo” desde o Estado ás pensións dos/as emigrantes retornados e o estabelecemento polo Partido Popular dos repagamentos, a retirada de medicamentos moi usados do financiamento público, e o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais.

Sobre isto subliñan ademais que estas medidas afectan especialmente ás e aos pensionistas e enfermos/as crónicos/as, “converténdose nun novo imposto á enfermidade e nunha grave dificultade para acceder á medicación aumentando o sufrimento das persoas".

Por iso, insisten en que é imprescindíbel "propiciar a mobilización e a participación activa do colectivo das persoas pensionistas e xubiladas na esixencia de cambios na actual situación". "É necesario que nos mobilicemos para que se derroguen todas estas políticas e reformas", engaden, á vez que lembran que a CIG "é a única central que na Galiza se ten mobilizado contra as sucesivas agresións ao sistema público de pensións, como xa demostrou a folga en solitario de 2011 contra o pacto asinado entre as centrais estatais e o goberno".