Xubilados/as e pensionistas da CIG sairán ás rúas galegas por unhas pensións dignas
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG ten convocadas para mañá xoves, día 7 de outubro, concentracións nas 7 cidades e Bueu, para demandar unhas pensións públicas dignas e alertar das consecuencias da reforma que ten sobre a mesa o goberno e que está en trámite parlamentario neste intre.
MOBILIZACIÓNS
- A Coruña - 11h, Subdelegación do Goberno
- Ourense - 11h, diante do INSS
- Ferrol - 11h, diante do INSS
- Lugo - 12h, diante da Subdelegación do Goberno
- Pontevedra - 12h, Praza da Peregrina
- Vigo - 11h, Farol de Urzaiz
- Bueu - 12h, praza do Concello
- Santiago - 11h, Praza do Toural
O que nos din os datos
A pensión media en Galiza é de 865,94€ mensuais, 99 euros por debaixo do SMI coa última suba, mentres que a pensión media no Estado español é de 1.017,97€. Ademais, un total de 415.310 persoas pensionistas en Galiza teñen unha pensión inferior aos 736,34€.
A poboación con máis de 65 anos acada de media 28,9 anos cotizados, moi lonxe dos 36,9 anos necesarios para acceder á pensión máxima. A isto hai que engadir a enorme brecha de xénero que existe e que se comeza a xerar nos primeiros anos de cotización e que chega aos 11,1 anos a favor dos homes cando chegan aos 65 anos, en prexuízo das mulleres.
De feito, a pensión media dunha galega é case que 300 euros inferior que a pensión media dun galego, un 35% por baixo das pensións dos homes e das persoas con pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.
O novo pacto das pensións non garante unhas pensións dignas nin presentes nin futuras
O colectivo denuncia que o PP e o PSOE levan anos querendo reformar o sistema público de pensións. Considera que teñen medo á contestación popular e que, por iso, se apoian en CCOO e UGT para perpetrar o que cualifican de “novo roubo as clases populares”.
O colectivo sinala que o acordo asinado o pasado 1 de xullo súmase ao anterior, do 27 de xaneiro de 2011, cando o goberno español, xunto con CCOO e UGT asinaron un acordo no que se vendían as nosas pensións. “Neste acto vergoñento subían o período de cálculo de 15 a 25 anos; aumentaban a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e tamén aumentaban a idade mínima de xubilación dos 61 aos 63 anos e 33 cotizados”.
Por iso conclúen que “o goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais, co acordo do 1 de xullo deste ano, veñen de pactar a consolidación de todos eses recortes perpetrados no ano 2011” e chaman a mobilizarse nas concentracións convocadas contra esta reforma porque, afirman, “estamos a tempo de parala”.