Xubilados/as e pensionistas da CIG sairán ás rúas o 27 de febreiro “por unhas pensións públicas dignas”

Convocan protestas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Santiago e Vilagarcía
Nacional - 23 Feb 2018

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG convoca para o vindeiro martes, día 27 de febreiro, concentracións en Vigo, Lugo, Compostela, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía, A Estrada e Ourense en defensa do sistema público de pensións, en demanda de que se garanta o seu poder adquisitivo e para exixir que as mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional.

MOBILIZACIÓNS

VIGO: 18:00 h na Dobrada

LUGO: 19:00 h na Praza maior

PONTEVEDRA: 11:30 H NA Praza da Peregrina

VILAGARCÍA: 11:30 h na Rúa Castela  (edificio sindical)

FERROL: 12:00 h  (edif Xunta)

A CORUÑA: 11:30 h no Obelisco

OURENSE: 11:30 h n C. Municipal Anxel Valente (antigo Banco de España)

COMPOSTELA: 11:00 h na Praza do Toural

A ESTRADA: 11:30 h na Praza do Mercado

Emprego, salarios e pensións dignas

O colectivo denuncia que coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, durante varios exercicios non se revisou o importe nominal das pensións, ou fíxose por baixo da inflación, até "que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC como referente, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir até nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida".

Asegura que estas reformas complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación. "Como resultado, na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas", salientan. De feito, preto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

As mulleres as máis prexudicadas

Ademais, lembran que, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas de feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.

Dende o colectivo da CIG chaman á mobilización e á participación activa das persoas pensionistas e xubiladas para esixir a derrogación de todas estas reformas e un cambio nas políticas que garantan a viabilidade do sistema público de pensións.