Xubilados/as e pensionistas da CIG proclaman que “Somos maiores, temos dereitos”
Baixo o lema “Somos maiores, temos dereitos”, pensionistas e xubiladas de toda Galiza concentráronse diante do edificio administrativo da Xunta, en Compostela, en defensa dun sistema público de pensións forte e garantido; atención bancaria digna e presencial; unha sanidade pública e de calidade; atención presencial e sen trabas nas administracións e un sistema público de atención ás persoas. Servizos que están sendo desmantelados e que son esenciais para garantir unha calidade de vida digna.
O colectivo vén mobilizándose desde hai anos en defensa daquelas cuestións que afectan á poboación galega xubilada e/ou pensionista, nomeadamente ás pensións públicas. A este respecto lembraron que as galegas e galegos “temos as segundas pensións máis baixas do Estado -as máis baixas se falamos só de pensións de xubilación-, e, ademais, no caso das mulleres, as pensións son, de media, 300 euros inferiores ás dos homes”.
Por iso, no decurso da concentración manifestaron o seu máis rotundo rexeitamento ás propostas que onte mesmo fixo o gobernador do Banco de España respecto de desvincular o incremento das pensións do IPC e recuperar o factor de sustentabilidade. Medidas que provocarían un aínda maior deterioro do seu poder adquisitivo.
Carta ao Presidente da Xunta
Para facerlle chegar as súas valoracións e preocupacións respecto de diversas cuestións que afectan ás persoas xubiladas e pensionistas e que dependen da administración galega, o colectivo vén de se dirixir ao novo Presidente da Xunta de Galiza coa pretensión de que poidan ser abordadas coa maior celeridade.
Entre outras, lémbranlle que a CIG leva anos denunciando a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, cuxas carencias quedaron en evidencia coa pandemia. Un servizo indispensábel que, como ben apuntaron, sostivo o persoal co seu esforzo “a custo moitas veces da súa propia saúde” e que, transcorridos dous anos, están “nunha situación de esgotamento”.
Unha situación da que responsabilizaron “ás políticas privatizadoras da Xunta que goberna o Partido Popular” que tiveron como consecuencia “enormes listas de agarda, mesmo na Atención Primaria; falta de profesionais; peche de centros ou suspensión de intervencións, entre outros”.
Por iso, exixiron un incremento dos orzamentos destinados á Sanidade Pública, con aumento de persoal e eliminación dos concertos e derivacións á sanidade privada, e a posta en valor da Atención Primaria, implantando medidas que supoñan a súa dignificación e unha atención de calidade, sobre todo nos momentos de maior vulnerabilidade, que se dan precisamente cando hai unha enfermidade.
Atención digna ás persoas
Tendo en conta a situación das pensións galegas e, dada a falta de recursos públicos, denunciaron que isto fai que moitas persoas non poidan acceder aos servizos de atención, condenando unha vez máis as mulleres a seguiren exercendo de coidadoras.
De aí que demandaran cambios nas políticas de atención ás persoas coa posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas como o proposto pola CIG, que aglutine as actuais residencias, centros de día ou servizos de axuda no fogar para que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.
Isto xunto co aumento nos orzamentos destinados á atención á dependencia; o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias e a incorporación do servizo de axuda no fogar no ente público galego proposto para “rematar dunha vez por todas coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario”.
Exclusión financeira
O colectivo denunciou ademais o proceso de “agresiva dixitalización” no que está inmersa a banca, “no seu descontrolado e insolidario afán por xerar beneficios a custo do que sexa”, que ten provocado a redución dos horarios de atención presencial para certas operacións, o peche de oficinas (despedindo traballadores/as) ou o cobro de comisións abusivas. Restricións de servizos e encarecemento que, denunciaron, “teñen coma obxectivo expulsar dos bancos as persoas menos rendíbeis, demandantes de servizos presenciais”.
Unha situación fronte á que as distintas administración non estabeleceron medidas e que está levando á exclusión financeira a unha parte cada vez máis máis importante da poboación, mentres os bancos reciben inxentes axudas públicas, nomeadamente ás persoas que viven no rural e ás xubiladas e pensionistas. Por iso denunciaron que como pensionistas, “estamos na obriga de ter conta bancaria para poder cobrar as nosas pensións. Cos nosos cartos, a banca especula e obtén beneficios, mais para nós, todo son trabas”.
Para o colectivo esta situación é consecuencia directa da privatizacións das caixas de aforros, que naceron para garantir a inclusión financeira. “Desa privatización, e a reestruturación bancaria posterior, as galegas e galegos somos vítimas principais e non vemos que desde o goberno da Xunta de Galiza se estean a poñer medidas que eviten esta situación, máis alá de seguir entregando cartos públicos ás entidades bancarias para cambiar oficinas por caixeiros automáticos”.
Administración a distancia
Ademais expresaron a súa preocupación por como, coa escusa da pandemia, se restrinxiu enormemente o acceso á interlocución directa coas Administracións, impoñendo a administración electrónica e a redución da atención presencial en moitos eidos: na sanidade, coa atención telefónica, “algo que dista moito de poder cumprir cunha adecuada asistencia sanitaria, máxime en persoas de certa idade” ou na realización de trámites como pode ser nas oficinas da Seguridade Social, Axencia Tributaria o Catastro ou o propio rexistro xeral da Xunta.
Unha situación pola que demandan ao Presidente da Xunta que se mellore a atención tamén na Administración, eliminando a cita previa ou, cando menos, aumentando o número de citacións e axilizando os procesos administrativos e burocráticos que fan moitas veces que as persoas xubiladas ou de certa idade vexan dificultada a súa vida.