Xubilados/as e pensionistas da CIG mobilízanse en cidades e vilas galegas por unhas pensións dignas
O colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG mobilizouse esta maña´na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Compostela, Ferrol e Cangas para demandar a equiparación da contía da pensión mínima ao SMI, un servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias.
A pensión media galega é de 865,94€ mentres que a pensión media no Estado é de 1.017,97€. Isto sitúa a Galiza, segundo o colectivo de Xubilados/as e Pensionistas, no posto 19 das 20 comunidades do estado español, só por diante de Estremadura.
A situación é aínda máis grave para as mulleres que tiveron, no ano 2019, pensións un 35% inferiores ás dos homes. Tal é así que a media das pensións das mulleres foi de 677,73€, fronte os 1.042, 91€ mensuais que cobraron os homes. Uns datos que xa de por si xustifican as mobilizacións.
Pero o colectivo vai máis alá nas súas demandas. Exixe a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE, como o PP impuxeron no seu momento. Entende que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e que só depende de que haxa vontade política.
Xunto a isto, considera especialmente preocupante que non se contemplen mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a CIG tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis baixas a esa contía.
O colectivo está pendente ademais dos contidos da anunciada reforma das pensións que, todo parece indicar que consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.
Servizo Público de Atención ás Persoas
No relativo ao sistema de coidados e de atención ás persoas, a CIG demanda que se incrementen os orzamentos destinados a dependencia e un incremento das prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida.
Lembran que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), algo que para a central sindical é inadmisíbel nun país como Galiza, cada día máis envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade. A isto hai que engadir que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”.
Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos/as os galegos/as vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións das máis baixas do Estado.
Para conseguilo a CIG promoveu unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular “Por un Sistema Público de Atención ás Persoas” que levará ao Parlamento de Galiza unha vez remate o proceso de recollida de sinaturas que está en marcha.