Xubilados/as e pensionistas da CIG concéntranse en todas as cidades por unhas pensións dignas
Xubiladas/os e pensionistas da CIG concentráronse esta mañá en prazas e rúas de cidades e vilas galegas –en Vigo a mobilización tivo lugar pola tarde- para rexeitar, máis unha vez, a reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados porque non só non garante unhas pensións dignas senón que mesmo consolida os recortes introducidos coa de 2011. Unhas mobilizacións nas que manifestaron ademais o seu rexeitamento ás propostas lanzadas polo ministro Escrivá nestes días.
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG considera que a non derrogación da reforma das pensións do 2011 implica manter a perda dun 25% nas pensións pola ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos.
Considera simple propaganda a supresión do factor de sustentabilidade porque será substituído polo chamado “mecanismo de equidade interxeneracional” que “suporá novas penalizacións á clase traballadora sen garantir unha suba das contías das pensións”.
Denuncia que con esta nova reforma tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións porque as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo á Carta Social Europea, que sería neste momento de 1150 € ao mes.
Non se recupera a xubilación parcial
O colectivo sinala que tampouco se recupera a xubilación parcial e que, ademais, segue penalizando a anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, o que, alertan, dificultará aínda máis o acceso ao mundo laboral da mocidade, que se verá abocada á emigración e ao paro.
Xubiladas/os e pensionistas da CIG acusan o Goberno de condenar a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico, mentres reducen a cota empresarial á Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidades temporais das persoas maiores de 62 anos, subvencionando as empresas a cargo da caixa da Seguridade Social.
Mellores salarios para aumentar as cotizacións
Critican, por iso, a nova medida anunciada polo Ministro Escrivá, segundo o que se aumentarían nun 0,5% as cotizacións desde o ano 2023 e por un período de 10 anos. Entenden que en lugar de penalizar aínda máis á clase traballadora durante unha década, o que hai é que aumentar os salarios e rematar coa precariedade no mercado laboral, que afecta sobre todo ás mulleres e á mocidade.
Denuncian que a actual redución de ingresos é consecuencia directa da reforma aplicada en 2011 xa que, daquela, o ingreso medio por afiliada/o era de 5.500 euros e agora é de 5.377, o que supón unha redución do 2,3%.
Xunto a isto rexeitan que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva porque “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.
Neste sentido cuestionan o chamado diálogo social que consideran unha ferramenta do capital contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións. Ao seu entender “é un exercicio da corrupción institucional do estado español ao negociarse ás agochadas o futuro do sistema público de pensións fóra dos ámbitos de representación institucional”.
Propostas da CIG
Fronte a isto demanda a derrogación completa das reformas laborais e das contrarreformas das pensións, nomeadamente as de 2011 e 2013; a supresión do factor de sustentabilidade ou de calquera outro que o substitúa (factor de equidade interxeneracional) que penalice o aumento da esperanza de vida impoñendo unha baixada xeneralizada nas pensións do futuro; a fixación por lei da pensión mínima igual ao SMI (1.150 €, que é o 60% do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea) e a revalorización por lei, para que anualmente se actualicen as pensións de acordo ao IPC.
Exixen a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións, ademais de que se estableza o cálculo da base reguladora segundo a base de cotización, actualizada á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
Queren que se eliminen os topes máximos de cotización á SS, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión; que se restableza o dereito a xubilación parcial aos 61 anos como existía antes da reforma; a transferencia á Administración Galega da competencia da xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía; a eliminación das desgravacións fiscais dos plans privados de pensións; o recoñecemento por lei de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade e perigosidade e a fin das bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións.