Xubiladas e pensionistas da CIG rexeitan a proposta de Escrivá de aumentar o período de cálculo a 30 anos
O colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG, que se vén mobilizando arredor de cuestións como a atención ás persoas dependentes, a atención sanitaria ou as pensións, saíu de novo esta mañá ás rúas das sete cidades para manifestar a súa indignación pola grave perda de poder adquisitivo que padece e rexeitar a proposta de Escrivá de aumentar o período de cálculo a 30 anos, que reducirá aínda máis a contía das pensións futuras.
Nas diferentes concentracións de protesta convocadas lembraron que en xaneiro do ano pasado entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo anunciou o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC.
Revalorización con “truco”
Porén, subliñaron que esa a actualización que recolle a reforma faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado. Nese sentido explicaron que no ano 2021 as súas pensións tiveran unha perda do 4% de poder adquisitivo porque se revalorizaron nun 2,5%, que foi a cifra do IPC medio de 2021, en lugar do 6,5%, que foi a porcentaxe do IPC acumulado ao peche do ano.
Por iso denunciaron que “agora, o mesmo goberno que nos fixo tragar con ese calote anunciou que a suba das pensións de cara ao 2023 será do entorno dun 8,5%”. Unha previsión que se fai así porque calculan que o IPC medio do 2022 será aproximadamente desa cifra. “Mais veremos se non temos unha maior perda de poder adquisitivo cando se publique a cifra de novembro do IPC interanual acumulado, se resulta maior que ese 8.5%”, advertiron.
O colectivo subliñou ademais que as e os pensionistas e xubilados galegos teñen as segundas pensións máis baixas do estado, co que esa perda do poder de compra “supón termos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria”, aseguraron.
Nova reforma das pensións
Xunto a isto advertiron das consecuencias da nova reforma das pensións que o goberno central ten comprometida con Bruxelas. Reforma que, afirmaron, “vai supoñer, unha vez máis, unha minoración das pensións futuras, das que cobren quen se vaia incorporando á xubilación a partir da entrada en vigor desa reforma, que segundo o comprometido coa Unión Europea se publicará antes do 31 de decembro”.
Por iso exixiron a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano, e a recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións. E para iso, demandaron a derrogación “sen demora” das reformas das pensións, empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021.