Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman unha atención de calidade e máis orzamentos para a sanidade pública
Xubiladas/os e pensionistas concentráronse este mércores diante dun centro de saúde da Coruña, das Pontes, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Vilagarcía para denunciar o "dificultoso camiño" das persoas maiores para seren atendidas na sanidade pública. Durante as protestas, organizadas dentro dunha campaña máis ampla do colectivo da CIG, tamén se reclamou á Xunta de Galiza que consigne máis orzamentos e persoal para garantir a atención integral no SERGAS.
Con esta campaña, o colectivo de persoas xubiladas e pensionista da CIG sae na defensa dunha sanidade pública de calidade, fronte ás políticas de desmantelamento e privatización aplicadas polo PP, que fan que para unha persoa maior "sexa cada vez máis difícil ter unha atención digna e áxil dos seus problemas de saúde".
Por iso, para o 12 de xuño xa teñen convocadas novas concentracións diante dos hospitais de referencia, mentres que o 20 de xuño farán unha mobilización nacional en Compostela ás portas do SERGAS. Ademais, o colectivo está realizando repartos e charlas informativas en diferentes vilas e cidades do país para dar visibilidade as súas demandas porque "cando unha persoa ten un problema de saúde está nunha situación de vulnerabilidade; pero cando se trata dunha persoa maior, esa vulnerabilidade multiplícase e supón un enorme trastorno e unha situación que pon a súa vida patas arriba".
Se isto non supuxera xa dificultade abondo, polo camiño van atopando diferentes obstáculos entre os que denuncian o propio acceso ao sistema de saúde, porque "para moitas persoas maiores acadar cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, xa non digamos a través da app ou da páxina web do SERGAS supón unha dificultade engadida”.
Agardas para unha primeira consulta
A isto suman a situación “terríbel” da Atención Primaria e lembran que se están dando casos de listas de agarda para primeira consulta de até 15 día. Nunha situación de perda de saúde, ter que agardar todo ese tempo “pode supoñer importantes cambios ou agravamentos, máis cando falamos de persoas de certa idade ou con pluripatoloxía”. "A lista de agarda en Atención Primaria é algo inaudito e inadmisíbel", denunciaron.
Ademais, cando se tramita unha solicitude para unha consulta cunha especialidade médica, desde o SERGAS non da unha data, senón que indican que “xa chamarán”, sen que haxa ningún tipo de resgardo ou xustificante que recolla que esa persoas está agardando a ser chamada para esa cita, que pode demorar meses”. Para evitar os equívocos e os problemas no momento de recibir a chamada para dar esa cita, reclaman tamén unha comunicación oficial por escrito onde poder consultar todos o datos desta.
Consideran ademais grave que mentres están nesa situación non computan como en situación de agarda. “O SERGAS oculta datos das persoas que están a espera de consulta ou de exploracións complementarias deixándoas sen cita e informándoas de que quedan nesa caixa á espera de ser citadas”.
Espera de meses ou anos para unha proba
O colectivo afirma que as listas de agarda para atención especializada, probas diagnósticas como radioloxía ou colonoscopias, ou as intervencións cirúrxicas, "son moito máis altas que as que publica o SERGAS".
Apuntan que o marco legal permite que existan 3 listas de agarda diferenciadas: para doentes en espera estrutural -en espera para ser intervidos-; doentes en espera tras rexeitamento á proposta de intervención nun centro alternativo -pendentes dunha intervención cirúrxica cuxa espera é motivada pola libre elección do/á cidadán/á- e doentes transitoriamente non programábeis, -en espera médica por motivos clínicos ou por motivos persoais ou laborais.
Porén, afirman, “o SERGAS só publica datos de doentes que se atopan na primeira lista e omite os datos de quen rexeitaron a intervención na sanidade privada”. Acusan ao SERGAS de “penaliza” a estas persoas e de metelas nunha lista ‘b’”. Unha situación que, din, “provoca indefensión, sen transparencia na xestión desa lista e sen que conte nos datos do SERGAS”.
Entenden que cando unha persoa maior ten que agardar meses, anos, por unha proba ou por unha operación “non só empeora a súa situación de base senón que, ademais, deixa de ter unha existencia activa e normal, algo que en moitos casos acurta esperanza de vida”.
A este respecto, subliñan que a diferenza entre acceder á atención sanitaria dun xeito áxil "e o que está acontecendo actualmente no SERGAS é crucial en persoas que, pola súa idade, ven imposibilitada unha vida normal por perda de mobilidade, perdas na capacidade de certos sentidos, pola dor ou por situacións de perdas cognitivas ou funcionais".
Por iso, o colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG denuncian a actual situación de desmantelamento e privatización á que o goberno do PP ten sometida a sanidade pública e exixen a reversión das privatizacións e o reforzamento dos orzamentos destinados á sanidade pública, mellorando a carteira de servizos, sobre todo na Atención Primaria, e incrementando o persoal necesario para que a atención sanitaria na Galiza sexa acorde co mantemento dunha vida digna e activa e coa prevención da dependencia nas persoas maiores.