Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman no SERGAS unha sanidade digna, con orzamentos e persoal suficientes
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG continuou este xoves co calendario de mobilizacións para denunciar o "dificultoso camiño" das persoas maiores para seren atendidas na sanidade pública. Despois dos repartos informativos, das concentracións diante de centros de saúde e nos hospitais de referencia, o colectivo concluíu esta mañá a campaña cunha protesta diante do edificio do SERGAS para reclamarlle á Xunta de Galiza "que consigne máis orzamentos e persoal para garantir unha atención integral, digna e áxil na sanidade pública galega".
Subliñan que ao deterioro na atención sanitaria hai que sumarlle outros moitos obstáculos como o propio acceso ao sistema. “Para moitas persoas maiores acadar cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, xa non digamos a través da app ou da páxina web do SERGAS, supón unha dificultade engadida”, lamentan.
Xunto a isto, denuncian a “terríbel” situación da Atención Primaria, con listas de agarda para primeira consulta de até 15 días, ou os problemas para conseguir unha consulta nunha especialidade médica. O colectivo afirma que as listas de agarda para atención especializada, probas diagnósticas como radioloxía ou colonoscopias, ou as intervencións cirúrxicas, "son moito máis altas que as que publica o SERGAS”.
Advirten que cando unha persoa maior ten que agardar meses, e incluso anos, por unha proba ou por unha operación “non só empeora a súa situación de base senón que, ademais, deixa de ter unha existencia activa e normal, algo que en moitos casos acurta a esperanza de vida”.
De feito, durante os repartos de folletos informativos realizados no mes de abril "puidemos constatar ese desmantelamento e privatización da sanidade pública falando coas persoas maiores que se achegaban aos centros de saúde e que nos contaban numerosos casos, algúns moi graves, de obstáculos na atención e dos atrasos nas probas ou intervencións".
A este respecto, inciden en que as demoras e os problemas para recibir atención nos centros de saúde e PAC agravaranse durante o período estival pola falta de profesionais e critican que a única solución proposta pola consellería de Sanidade sexa sobrecargar de traballo ao pouco persoal que queda nos centros e acurtar a formación do persoal residente.
Por iso, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG exíxelle á Xunta de Galiza a reversión das privatizacións e o reforzamento dos orzamentos destinados á sanidade pública, mellorando a carteira de servizos, sobre todo na Atención Primaria, e incrementando o persoal necesario para que a atención sanitaria na Galiza "sexa acorde co mantemento dunha vida digna e activa e coa prevención da dependencia nas persoas maiores".