Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman a suba xa das pensións e que se deixe de xogar "co noso sustento"

Nacional - 04 Feb 2025

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG volveuse mobilizar este martes para reclamar que de inmediato se aprobe a revalorización das pensións que estaba prevista e denunciar "o xogo no que o Goberno do Estado e outros grupos políticos, como o Partido Popular, usan as nosas pensións como moeda de cambio".

Esta é a segunda xornadas de protestas convocada polo Colectivo tras o bloqueo no Congreso dos e das Deputadas do decreto que contemplaba, entre un variado paquete de medidas, a suba das pensións para este 2025 nun 2,8%. En resposta, acordaron realizar estas mobilizacións todos os martes, coincidindo coa celebración do Consello de Ministras e Ministros, porque "queremos ter tranquilidade coas nosas pensións, queremos saber que non van depender das leas entre o PP e o PSOE".

A este respecto, subliñan que a pesar do anuncio dun novo acordo político para a revalorización das pensións "o novo decreto ten que volver pasar pola convalidación do Congreso e aínda que anuncian con foguetes de sete estralos que está garantizado que desta vez vai saír adiante, o certo é que a suba das nosas pensións segue pendente até que se produza unha votación favorábel".

O Colectivo rexeita o xogo "no que algúns grupos políticos usan as pensións como moeda de cambio" e que se utilice como reféns ás persoas pensionistas. "Dicimos basta a que xoguen co noso sustento e a que poñan en perigo os nosos ingresos. O que pasou na votación do pasado 22 de xaneiro constata que, goberne quen goberne, non temos máis remedio que seguir loitando polas nosas pensións".

As persoas xubiladas e pensionistas da CIG levan tempo denunciando a situación de desmantelamento do sistema público de pensións que se está a levar a cabo desde os Gobernos do Estado, "sexan agora do PSOE e Sumar, como antes foron do Partido Popular".

E por iso seguen exixindo:

-A revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano e a recuperación do poder adquisitivo que se perdeu coa introdución no ano 2021 do índice do IPC medio.

 

-A fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional. O SMI no 2025 debería ser de 1.320,04€, que é o 60% do salario medio, tal e como se recolle na Carta Social Europea. A pensión mínima debería ser tamén desa contía.

-A recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións, demandando a derrogación das reformas das pensións, desde a de 2011, até o último acordo de reforma deste ano, que vai dificultar aínda máis o acceso á pensión para moitos traballadores e traballadoras.