Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman a derrogación das reformas das pensións para recuperar os dereitos perdidos
O colectivo de xubilados/as e pensionistas mobilizouse esta mañá nas cidades da Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo, Compostela e Ferrol para reclamar a derrogación das reformas das pensións. Denuncian que estas reformas teñen provocado un deterioro da contía das súas pensións e que agora, coa inflación disparada, a maioría non chegan a fin de mes. Por iso exixen a súa revalorización co IPC real.
Con consignas como “As súas reformas, a nosa pobreza”, “Que non nos rouben as nosas pensións”, “Traballo precario, pensións do carallo” ou “Máis coidar e menos gasto militar”, xubiladas/os e pensionistas da CIG manifestaron esta mañá o seu rexeitamento ás reformas acometidas no sistema público de pensións; denunciaron que “non amplían dereitos, si amplían recortes” e reclamaron a súa derrogación, nomeadamente da que entrou en vigor en xaneiro de 2021.
Recuperar o IPC real e non o medio
A este respecto puxeron en cuestión a campaña de “propaganda” do goberno do Estado, que vendeu que coas súas reformas se recuperaba a revalorización das pensións anualmente, de acordo ao IPC, cando en realidade “esa suposta actualización faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”. Un “calote” que provocou, xa en 2021, unha perda do 4% do seu poder adquisitivo.
Para demostralo recorreron aos número porque estes demostran que mentres que o ano 2022 rematou cun IPC en Galiza do 6,7%, a inflación subxacente era do 7% e o máis grave, a suba dos prezos da alimentación chegou ao 16,2%. Por iso consideraron “claramente insuficiente” que se tome como referencia, para actualizar as pensións, o IPC medio.
Advertiron ademais que a última reforma vai provocar unha rebaixa das contías das pensións e denunciaron que o obxectivo real desta reforma –como ocorreu tamén coas anteriores- é favorecer os sistemas privados. “Nesa liña vai tamén a reforma aprobada polo goberno en 2022, coa que se introducen os chamados “Plans de Emprego de Pensións”, que van ser xestionados por entidades financeiras ou aseguradoras que se crearán en cada sector a través da negociación colectiva”.
Dificultades para afrontar a carestía da vida
O colectivo de xubiladas/os e pensionistas denunciou ademais as cada vez maiores dificultades que teñen para facerlle fronte aos gastos do día a día. Lembraron que as pensións galegas son das máis baixas do Estado e alertaron de que moitos pensionistas apenas poden afrontar os gastos dos produtos máis básicos.