Xubiladas e pensionistas da CIG exixen unha revalorización das pensións co IPC real
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG convoca para o vindeiro xoves, día 13 de outubro, concentracións en todas as cidades para reclamar unha revalorización das pensións conforme o IPC real. Máis tendo en conta que as pensións galegas son das máis baixas do Estado.
MOBILIZACIÓNS:
A Coruña: Subdelegación do Goberno, 11:00h
Ferrol: Edificio Administrativo da Xunta de Galiza, 11:00h
Compostela: Praza do Toural, 11:00h
Lugo: Subdelegación do Goberno, 12:00h
Ourense: Diante do INSS, 11:00h
Vigo: Edificio Administrativo da Xunta de Galiza, 11h
Pontevedra: Praza da Peregrina, 11.30h
O colectivo lembra que en xaneiro de 2021 entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC. Porén, daquela xa advertía de que “esa revalorización viña con truco” porque a actualización que recolle a reforma “faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”.
Por iso, ante o anuncio do goberno de incrementar as pensións este ano nun 8,5%, calculando que o IPC medio do 2022 será do entorno desa cifra, denuncian que van perder poder adquisitivo. Nese sentido explican que “se temos en conta que a inflación acumulada no mes de setembro é dun 9%, se o cálculo se fixera agora perderíase medio punto máis de poder adquisitivo”. E iso, advirten, “se non volve subir cara final de ano”, porque daquela a diferenza e a perda de poder adquisitivo “sería maior”, afirman.
Nese sentido explican que se, por exemplo, no mes de decembro o IPC se volve situar na cifra de agosto, un 10,5%, a perda de poder adquisitivo “sería dun 1,5% e sumaríase ao 4% perdido no ano 2021. Un total dun 5,5% de perda”.
Dainte disto lembran que as e os pensionistas e xubilados galegos teñene as segundas pensións máis baixas do estado, co que esa perda do poder de compra supón “termos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria”.
Unha situación diante da que exixen a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano, e a recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións. Para iso, reclaman a derrogación das reformas das pensións, empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021.
Recuperar e fortalecer a Atención Primaria
O colectivo, que vén defendendo mobilización tras mobilización a sanidade pública e denunciando a súa privatización e desmantelamento, anuncia que fai súa a ILP promovida por SOS Sanidade Pública para recuperar e fortalecer a Atención Primaria e anima ademais a todas as galegas e galegos a asinala.
Lembran que a pandemia evidenciou as carencias que o seu desmantelamento deixou neste servizo indispensábel e que foi o persoal, os e as profesionais da Sanidade Pública, quen sostiveron co seu esforzo e a costa moitas veces da súa propia saúde a atención sanitaria durante estes momentos críticos.
Denuncia que, porén dous anos despois, cos traballadores e traballadoras da Sanidade nunha situación de esgotamento, “vemos máis claramente as consecuencias das políticas privatizadoras do PPr: enormes listas de agarda tamén na Atención Primaria; falta de profesionais; peche de centros; saturación dos servizos de urxencias...”
O Colectivo reclama unha atención digna ás persoas, sobre todo, nos momentos en que son máis vulnerábeis. “E a enfermidade é un deses factores que nos fai vulnerábeis, por iso a atención sanitaria debe de ser a mellor posíbel, prestada desde unha Sanidade Pública forte, con persoal e infraestruturas suficientes e adecuadas”.
Demanda de atención presencial nos bancos e na Seguridade Social
Con estas mobilizacións os e as pensionistas e xubiladas da CIG exixen tamén atención presencial e recuperación de servizos e oficinas, tanto na Administración Pública como na banca porque “a modernización que acompaña a tecnoloxía non pode supoñer merma de dereitos nin perda de postos de traballo”.
Denuncian que para este colectivo a dixitalización e mundos virtuais, está a supor unha cada vez maior restrición do acceso presencial aos servizos. Algo que viña sendo evidente hai un par de anos, pero que se acelerou e amplificou coa chegada da pandemia, que provocou o peche de moitos servizos e oficinas de atención presencial, derivándose a atención online ou, no mellor dos casos, telefónica. Un proceso de agresiva dixitalización na banca que “estamos a sufrir con redución dos horarios de atención presencial para certas operacións, o peche de oficinas (despedindo traballadores/as) ou o cobro de comisións abusivas, entre otras.
Do mesmo xeito, na Administración Pública, son xa poucos os servizos e departamentos aos que podemos acceder de xeito presencial, o que os obriga a realizar todo tipo de trámites a través de internet ou de chamadas telefónicas interminábeis falando moitas veces con máquinas en lugar de persoas. Apuntan as oficinas da Seguridade Social ou as de rexistro como exemplos claros disto, xunto coas consultas telefónicas na Sanidade. E denuncian que mentres pechan servizos e oficinas e reducen cadros de persoal, “tamén conseguen expulsarnos do mundo real ás persoas que nacemos nunha época analóxica, dificultándonos moitas tarefas que, xa de por si, non nos eran doadas, dada a excesiva burocratización e complexidade de certos trámites”.
Servizo Público de Atención ás persoas
O colectivo fai especial fincapé no feito de que ao padecer as galegas e galegos as segundas pensións máis baixas do Estado, a falta de recursos públicos impide que moitas persoas poidan acceder aos servizos de atención, “condenando unha vez máis as mulleres a seguiren exercendo de coidadoras”.
Por iso reclaman da Xunta o incremento nos orzamentos destinados á atención á dependencia, e o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias, mais tamén cambios nas políticas de atención ás persoas e apostan por un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.
Un sistema que incorpore tamén o servizo de axuda no fogar rematando, dunha vez por todas, coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario.