Xubiladas e pensionistas da CIG exixen que se incrementen as pensións co IPC real
Xubiladas/os e Pensionistas da CIG concentráronse nas sete cidades galegas para demandar a revalorización das pensións de acordo ao IPC real. No decurso das mobilización denunciaron a perda de poder adquisitivo que acumulan as súas pensións, que son as segundas máis baixas do Estado, e reclamaron a derrogación tanto da reforma das pensións como das reformas laborais.
O colectivo de xubilados, xubiladas e pensionistas da CIG, convocaron esta mobilización para manifestar a súa indignación ante a perda de poder adquisitivo das pensións das galegas e dos galegos.
Nese sentido lembraron que en xaneiro do ano pasado entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo anunciou o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC.
Fronte a iso denunciaron que “esa revalorización ten truco” e que a actualización que recolle a reforma “faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”. Explicaron que isto significa que, por exemplo, no ano 2021 as súas pensións tiveran unha perda do 4% de poder adquisitivo porque “se revalorizaron nun 2,5%, que foi a cifra do IPC medio de 2021, en lugar do 6,5%, que foi a porcentaxe do IPC acumulado ao peche do ano”.
O calote do goberno
Por iso denunciaron que “o mesmo goberno que nos fixo tragar con ese calote anunciou que a suba das pensións de cara ao 2023 será do entorno dun 8,5%”. Unha revisión que fan así porque calculan que o IPC medio do 2022 será aproximadamente desa cifra. “Mais se temos en conta que a inflación acumulada no mes de setembro foi dun 9%, agora mesmo estaríamos perdendo medio punto máis de poder adquisitivo”, advertiron. Iso se o IPC non volve subir cara final de ano, porque daquela “a diferenza e a perda de poder adquisitivo sería maior”.
Lembraron que, aínda por riba, as galegas e galegos teñen as segundas pensións máis baixas do estado, co que “esa perda do poder de compra supón termos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria”, aseguraron.
Ante isto o colectivo de xubilados, xubiladas e pensionistas da CIG exixiu a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano e a recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións. Cuestión para que “é precisa, sen demora, a derrogación das reformas das pensións, empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021”, concluíron.