Xubilacións en Arxentina: Crónica dunha estafa
Reverter a estafa da privatización da xubilación supón anular o acordo co FMI, suspender os pagamentos da débeda, investigar os destinos orixinarios do endebedamento e castigar os beneficiarios da estafa materializada baixo o goberno Macri e referendada na negociación posterior
A estafa aos xubilados é unha historia longa e ten antecedentes próximos na privatización das xubilacións, desde hai tres décadas (1993-2023).
En efecto, nos primeiros anos da última década do século XX producíronse cuantiosas privatizacións, entre elas, as das xubilacións, un negocio xigantesco para as AFJP e os seus bancos asociados. Estes, á súa vez, levaban máis de 15 anos baixo a lexislación financeira da ditadura (1977), que promovía a estranxeirización e concentración financeira. Remito a unha lei aínda vixente (1977-2023), que situou a banca, principalmente estranxeira, como abandeirada da lóxica especulativa e subordinada ao mecanismo da libre circulación de capitais e o endebedamento externo, nomeadamente público.
A privatización do 93 foi unha estafa e un negocio para o sector máis concentrado da economía, que favoreceu a especulación e a explotación do traballo, apropiándose de recursos de traballadores e traballadores para a construción dun mercado de capitais sustentado en parte importante con recursos das traballadoras e os traballadores. O fondo de capitalización das AFJP integrábase esencialmente polas achegas dos traballadores e as traballadoras.
O Fondo de Garantía de Sustentabilidade (FGS) créase no 2007, e coa crise mundial do 2008 e a estatalización do réxime de xubilación, o FGS vén sendo un mecanismo de financiamento do réxime do capital, sustentando o endebedamento público (máis do 70% dos activos) e a demanda de capital vía accións das empresas e crédito para procesos produtivos esenciais do modelo produtivo de inserción subordinada na transnacionalización en curso.
Volvamos sinalar nese aspecto a importancia do endebedamento para a dinámica de inserción subordinada da Arxentina no capitalismo global.
O capitalismo susténtase con explotación, agravada coa apropiación de ingresos salariais achegados ao sistema de seguridade social que se canaliza vía mercado de capitais no financiamento da produción e negocios capitalista.
Pura lóxica do réxime do capital, polo que mantemos o carácter de estafa permanente.
Unha estafa foi a privatización, e outra, o uso dos fondos de pensións para financiar a lóxica do capitalismo local e global.
O troco actual
Nese marco non sorprende a actual disposición gobernamental de acudir ao troco de bonos dos organismos estatais, entre eles os que acumula o FGS, para “resolver” as obrigas autoinflixidas no acordo co FMI en 2022.
Susténtase no acordo co FMI restricións á emisión monetaria e expansión das reservas internacionais, xunto cun axuste fiscal para reducir o déficit do estado. Baixo esa premisa e para conseguir pesos, o goberno decreta a venda dos activos dolarizados en poder dos organismos estatais, baixo elementos de “contabilidade creativa” (entréganse a cambio dos bonos dolarizados, bonos en pesos con actualización por tipo de cambio ou inflación, o que sexa mellor).
O resultado leva á pesificación da débeda dos organismos estatais, á vez que favorece a compra de activos dolarizados polo sector privado, que poderán aguantar eses activos até o vencemento e como os “fondos voitres” demandar a cancelación pola totalidade do valor nominal. O sector privado máis concentrado demanda divisas e por iso, agora, ofreceránselles títulos dolarizados de lexislación nacional postos a disposición polos organismos estatais.
A demanda de divisas maniféstase como “fin do cepo” ou directamente na solicitude dunha desvalorización monetaria para favorecer a dinámica de acumulación capitalista.
En rigor, a medida leva a “gañar tempo” nun partido onde o único resultado posíbel é o axuste permanente e a deterioración da condición de vida de millóns de sectores sociais empobrecidos, tal como amosan os indicadores económicos sociais, nomeadamente da indixencia e a pobreza.
Os fondos da seguridade social utilízanse para os obxectivos do réxime do capital e non para beneficio dos seus principais contribuíntes. Os mecanismos de acumulación de recursos da seguridade social e/ou pensións non están concibidos para sustentar unha garantía de beneficios sociais, senón que son instrumento financeiro do capital máis concentrado, entre eles, o propio estado capitalista.
Acabar coa estafa
Reverter a estafa supón anular o acordo co FMI, suspender os pagamentos da débeda, investigar os destinos orixinarios do endebedamento e castigar os beneficiarios da estafa materializada baixo o goberno Macri e referendada na negociación posterior.
Claro que ao mesmo tempo hai que entregar o FGS aos seus verdadeiros beneficiarios, os traballadores e traballadoras, xubilados/as e en actividade, para que sexan os que xestionen o destino deses recursos.
Iso levaranos a outro debate, que remite á reprodución da orde capitalista ou ao financiamento dunha estratexia de transición cara a outro modelo produtivo e de desenvolvemento, que require doutras medidas que completen e complementen o acto de xustiza que supón a devolución dos fondos de pensións aos seus lexítimos e principais contribuíntes: as/os traballadoras/es.
A crónica da estafa ten décadas e require dun forte consenso sociopolítico para lle poñer fin e reorientar eses recursos en beneficio de xubiladas, xubilados, de traballadoras e traballadores, do conxunto do pobo empobrecido.
Trátase, en definitiva, dun debate político que non asumirán os asociados á dependencia do endebedamento durante décadas e á subordinación dunha lóxica de dominación que ten na cúspide o FMI e o seu socio principal: os Estados Unidos.
[Artigo tirado de Rebelión, do 28 de marzo de 2023]