Xosé Paleo: "É un auténtico escándalo consentir que a última fábrica de aluminio que queda en pé no Estado desapareza"
"Estamos outra vez en loita porque fracasaron tanto as administracións como Alcoa á hora de facer efectiva a venda da fábrica de San Cibrao. É un auténtico escándalo consentir que a última fábrica de aluminio que queda en pé no Estado español desapareza. E iso é o que están a facer entre Alcoa e o Goberno", con estas palabras resume o delegado da CIG no comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, as razóns que levaron ao persoal a reactivar dende este luns a folga indefinida na planta da Mariña.
Paleo denuncia as manobras de dilación da multinacional para concretar a venda, que agora se escusa "en que quere un prezo da enerxía para a competencia, que é quen vai mercar a factoría", para bloquear a operación. Unha petición que cualificou de "sen sentido" e que evidencia o nulo interese de Alcoa en materializar a venda, que segue deste xeito gañando tempo á espera de coñecer a decisión do Tribunal Supremo ao recurso que presentou contra a sentenza de anulación do ERE.
Pero as críticas de Paleo tamén van dirixidas aos gobernos, nomeadamente ao español, que malia os seus compromisos e boas palabras, retirou a SEPI da operación de venda "e que xa nos dixo que non ten ningunha gana de comprar e que lle daba igual o que pasara, que a SEPI non vai intervir".
Para o representante da CIG resulta "un auténtico despropósito" que se permita que desapareza unha fábrica como a de San Cibrao -máis aínda cando está medrando a demanda do mercado internacional de metais e cando os prezos do aluminio non deixan de subir-, que os traballadores e traballadoras queden sen emprego "e que esta comarca vaia á miseria".
Por iso, ante esta falta de solucións, e co anuncio do peche da planta de Vestas moi presente, unha das consignas que máis corearon os traballadores e as traballadoras de Alcoa na protesta que desenvolveron ás portas da fábrica coincidindo co arranque da folga foi "sen industria non hai futuro". Reclamando ao tempo dos gobernos a inmediata a intervención da fábrica como garantía do mantemento dos empregos e da continuidade produtiva.