Lugo acolle dúas protestas contra o desmantelamento dos grupos de emerxencias supramunicipais
A CIG e a Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia (AGESGA) desenvolveron este martes dúas mobilizacións en Lugo para demandar a posta en funcionamento dos GES da Fonsagrada-Baleira e da Terra Chá e a subrogación dos traballadores e traballadoras que no seu día foron seleccionadas para cubrir estes postos. As protestas, nas que participaron traballadores/as de GES de varios puntos de Galiza, realizáronse diante do edificio da Deputación de Lugo e da Xunta, xa que ambas administracións son as que asumen o custe deste grupos de emerxencias na provincia.
Cómpre lembrar que o GES da Fonsagrada foi desmantelado a finais de 2015 e os seus 12 traballadores despedidos, tras decidir o Concello non renovar o convenio coa Deputación e a Xunta. Aínda que o TSXG considerou improcedentes os ceses, o Concello continúa sen readmitir nin pagar as indemnizacións aos afectados. Pola súa banda, o Concello de Guitiriz, tras un longo proceso de incumprimentos e represalias laborais, vén de renunciar á xestión do GES e de aplicar un ERTE para os traballadores destinados neste servizo.
Servizo esencial
Diante desta situación, coa protesta deste martes quérese pór o foco de atención no abandono paulatino da cobertura das emerxencias na provincia de Lugo e reclamar a intervención tanto da Deputación como da Xunta "para garantir un servizo esencial como é o da atención ás emerxencias". Mais tamén para dar unha saída aos traballadores e traballadoras destes grupos que, tras superar un proceso de selección, se viron abocados/as ao paro e a regulacións de emprego.
Neste senso, o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, demandou a posta en funcionamento inmediata do GES da Fonsagrada-Baleira e o da Terra Chá e que se subrogue no novo servizo ao persoal que no seu día superou o proceso de selección, "xa que, ademais de ser un acto de xustiza, conta coa experiencia e a formación precisas para desenvolver un traballo destas características". E no caso de ter que completar os cadros de persoal, engade, que se abra entón outro proceso de selección.
Lois Neto lembra que a día de hoxe parte dos traballadores do extinto GES da Fonsagrada continúan agardando a que o Concello os readmita ou indemnice e a que lle abonen os salarios de tramitación; mentres que o persoal do GES de Guitiriz está afectado por un ERE temporal e na máis absoluta incerteza, xa que non está garantido nin a reactivación do servizo noutro Concello, nin a súa subrogación.
A este respecto, o secretario de Organización da CIG de Lugo apuntou que o Delegado da Xunta de Galiza, que hoxe recibiu a unha representación do colectivo, manifestou que a Administración autonómica ten interese en que se poñan en marcha estes grupos de emerxencias, "aínda que non se quixo comprometer sobre as datas nin noutras cuestións do servizo".