Xornada de protestas en Lugo pola excesiva carga de traballo e a discriminación das empregadas en Abanca
Delegados e delegadas da CIG en Abanca percorreron este xoves a cidade de Lugo, concentrándose diante de sete oficinas, para protestar pola política comercial da entidade, nomeadamente contra os obxectivos de colocacións de produtos financeiros que a clientela non reclama e para demandar a igualdade entre mulleres e homes. Esta mobilización de Lugo, adiantan, é o inicio dun proceso de mobilizacións que continuará en Ourense e Santiago o vindeiro mes de abril.
“Que a carga de traballo sexa realizábel dentro da xornada laboral, non ter que realizar horas que a empresa non paga para dar feito a carga de traballo asignada”, está é a demanda básica que levou á CIG a saír a rúa contra a política comercial de Abanca. Unha política comercial que só ten un beneficiario, o máximo accionista da entidade, despois da privatización das antigas caixas por parte do Partido Popular. “O ano pasado a empresa tivo 430 millóns de euros de beneficios”, lembran dende a sección sindical da CIG.
Recorte de persoal e agresivas políticas comerciais
Dende o inicio da reconversión, alá no ano 2010, o cadro de persoal das antigas caixas reduciuse máis do 60%, o que se traduce nunha sobrecarga de traballo. Pero ademais do impacto da reestruturación, as agresivas políticas comerciais que derivan na imposición duns obxectivos comerciais crecentes -que a empresa considera de obrigado cumprimento-, xunto coas ameazas de despedimentos e represalias a quen non os cumpra, provocan que a carga de traballo sexa insoportábel.
Malia que a lexislación europea MIFID prohibe os obxectivos comerciais de produtos complexos, para defender a clientela fronte aos abusos acontecidos no sector financeiro, Abanca impón obxectivos de produtos complexos, baixo o eufemismo de “cupos” ou “retos”.
As mulleres, maiores obxectivos pero 11.173€ menos ao ano
Outro dos motivos para saír á rúa, explican dende a sección sindical da CIG, é a desigualdade salarial e a discriminación das mulleres na empresa. "Os postos máis feminizados, “subdireccións” e “postos de xestión comercial”, teñen maiores obxectivos, pero menor nivel salarial e complementos retributivos de menor contía. Comparativamente a empresa paga 26 millóns de euros menos ao ano ás mulleres que aos homes".
Ademais calquera redución xustificada da xornada (permisos, baixas, etc), non diminúe os obxectivos comerciais, o que se traduce nun incremento do ritmos de traballo ou na realización de horas extras que o banco non paga. Feito que penaliza gravemente a conciliación con carácter xeral, pero nomeadamente das mulleres que son as que principalmente piden redución de xornada por coidado de fillos/as.
A este respecto, explican que Abanca só puxo en marcha un Plan de Igualdade despois dos requirimentos da Inspección de Traballo a raíz da denuncia da CIG. Porén, este Plan "non contempla medidas para igualar salarios, nin para garantir que se cumpra a redución da carga de traballo durante os permisos ou baixas".
Dereito á desconexión dixital
Xunto a isto, as delegadas e delegados da CIG lembran que a desconexión dixital é un dereito dos traballadores e traballadoras recoñecido na nova Lei de Protección de Datos. "Abanca facilítalle ao persoal ferramentas dixitais para traballar fóra da xornada laboral (tablets, móbiles, etc), sen garantir a desconexión dixital. Todo o contrario, estas ferramentas estenden a xornada laboral sen limitación".
Para a CIG a desconexión da operativa debe realizarse cando remata a xornada laboral, doutro xeito non se respecta o dereito ao descanso e o persoal fai horas extras que o banco tampouco recoñece.