Xornada de mobilizacións na limpeza do CHUF contra a sobrecarga de traballo
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario de Ferrol (CHUF), adxudicado á empresa Serveo, concentráronse por partida dobre este xoves para denunciar a excesiva carga de traballo que levan padecendo dende hai anos. Unha sobrecarga agravada tras a adxudicación do último contrato, xa que "para aforrar aínda máis, ampliaron a superficie a limpar e reduciron as horas presenciais".
A xornada de mobilizacións comezou ás 11h cunha concentración no Hospital Naval e posteriormente, o persoal trasladouse até o Arquitecto Marcide para reclamarlle a Serveo que faga novas contratacións para poder atender a excesiva carga de traballo e evitar as consecuencias que este esforzo lles provoca ás traballadoras e traballadoras na súa saúde.
O presidente do comité, Marcos del Río, explica que no anterior contrato estipulábanse para facer a limpeza do CHUF 189.535 horas traballo para 56.037 metros cadrados. Pero no expediente de 2023 "atopámonos con que se reducen as horas presenciais a 185.885 (3.650 horas menos), e pola contra amplíase a superficie a limpar en 3.000 metros cadrados, até chegar aos 59.036m2". É dicir, máis traballo con menos persoal. Para o comité sería necesario contratar 10 traballadoras e traballadores para poder asumir a carga de traballo.
Por se non fora abondo, nos últimos pregos de condicións, servizos xerais afonda máis nos recortes ao limitarlle á empresa adxudicataria a posibilidade de superar as 185.885 horas presenciais de contratación. "Deste xeito, en ningún caso pode superar ese número aínda que o persoal teña que soportar esforzos constantes para prestar o servizo e aínda que a súa saúde estea en xogo".
Del Río critica que con esta limitación nos pregos "inaudita nos concursos do Sergas", servizos xerais estalle ofrecendo a empresa a escusa perfecta para non contratar. A este respecto, apunta á conivencia que dende hai anos existe entre servizos xerais e a empresa, á que se lle consisten todo tipo de incumprimentos e mesmo se modifica os pregos só para "protexer os beneficios e intereses desta multinacional". Lamenta que para a administración sanitaria o menos importante neste contrato sexa prestar un servizo de limpeza de calidade e garantir as condicións laborais do persoal.
O obxectivo, como sempre, é abaratar o custe do servizo e como exemplo, Del Río expón que se reduciron as frecuencias de limpeza nas zonas de baixo risco que pasan a limparse unha vez á semana ou cada 15 días, en lugar de a diario, obviando que "estamos a falar da limpeza dun hospital".
Neste contexto, o comité acordou iniciar mobilizacións. A primeira concentración fíxose o pasado 17 de outubro e ás protestas deste xoves seguiranlle outras convocatorias nas próximas semanas.