Xi e Putin, unha nova orde mundial

Fabrizio Casari - 11 Abr 2023

A ampliación da OTAN cara ao Leste de Europa coa transformación de Ucraína nun posto militar avanzado dos EUA, en sintonía ideolóxica con Polonia e os países bálticos, e a construción de 21 bases militares estadounidenses no Mar de China, que apoian as crecentes provocacións sobre Taiwán, ofrecen un agudo espello da dirección tomada polos EUA na súa perspectiva contra China

 China «está disposta con Rusia a apoiar resoltamente o sistema internacional centrado nas Nacións Unidas, a defender a orde mundial baseada no dereito internacional e as normas fundamentais das relacións internacionais baseadas nos propósitos e principios da Carta da ONU, a apoiar o verdadeiro multilateralismo, a promover a multipolaridade no mundo e democratizar as relacións internacionais, e a promover o desenvolvemento da gobernanza mundial nunha dirección máis xusta e racional».

 Con estas palabras comezou o Presidente chinés Xi Jinping a súa visita a Rusia. Unha visita que reaviva a alianza militar e política entrambos os países e lanza unha clara advertencia á Casa Branca empeñada en subir a temperatura do termómetro mundial. Tamén ofrece o seu paraugas económico e comercial a Rusia, que, pola súa banda, nunca sentiu o illamento occidental. Xa en 2022, o comercio entre China e Rusia aumentou un 34%, até alcanzar un valor de 190.000 millóns de dólares, principalmente grazas ao gas e ao petróleo adquiridos por Pequín a un prezo favorábel.

 Coa chegada de Xi, recentemente confirmado no leme do partido e do país, refórzase a asociación «sen andrómenas»: «Demostrará ao mundo a solidez dos lazos ruso-chineses en cuestións chave e converterase no principal acontecemento político do ano nas relacións bilaterais», dixo o propio Putin hai unhas semanas. O Kremlin anunciou a sinatura de «numerosos convenios bilaterais importantes e de valor estratéxico», mentres que Pequín confirmou o papel mediador no conflito OTAN-Rusia a través de Ucraína e que «a proposta de China se reduce a unha frase: instar á paz e promover as conversas».

 Nun artigo publicado en Rossiyskaya Gazeta, Xi escribe que «a resolución do conflito en Ucraína será posíbel se as partes seguen as directrices do concepto de seguridade colectiva; a comunidade internacional comprendeu que ningunha potencia mundial é superior ás demais».

 Pola súa banda, Putin, nun artigo publicado no Diario do Pobo, órgano do PCCh, afirma que «en relación cos acontecementos que teñen lugar en Ucraína, para comprender a súa orixe e as súas verdadeiras causas, acollemos con satisfacción a vontade de China de desempeñar un papel construtivo na resolución da crise».

 Pequín e Moscova lanzan así un aberto desafío á política exterior de Washington, incapaz de frear o seu devalar con instrumentos políticos e económicos e que agora só recorre a políticas desestabilizadoras e ameazas militares en todos os recunchos do planeta. De feito, os EUA cren que o seu liderado se limita agora a Occidente (e nin sequera a todo el) e que as guerras, sen excluír os conflitos nucleares tácticos, son a única forma de restabelecer o firme control estadounidense sobre o mundo. O recente acordo militar con Australia e Gran Bretaña inscríbese neste marco.

 Ademais do crecemento da influencia chinesa nos mercados, o aumento do peso político preocupa en gran medida á Casa Branca, e un dos terreos máis insidiosos é precisamente o da guerra. A proposta chinesa dun «cesamento do fogo en Ucraína» foi rexeitada polos Estados Unidos antes mesmo de ser formulada. Poderíase argumentar que non está claro por que motivos, dado que, formalmente, Ucraína non é un protectorado estadounidense, non é membro da OTAN nin sequera da UE, mais o compromiso estadounidense de impedir calquera posíbel escalada armamentística foi constante, tentárono os seus aliados Turquía, Israel ou o Vaticano.

 Do mesmo xeito que ocorreu co documento no que Moscova propuña a primeiros de 2022 unha negociación global de seguridade en Europa precisamente para evitar a guerra, a proposta chinesa dun «cesamento do fogo» é ignorada. O temor a ofrecer un papel internacional a China, e que esta resulte estar a traballar pola paz mentres Washington o fai pola guerra, é un grave risco político para a Casa Branca. A unha proposta chinesa Moscova podería acceder e isto proporía unha suspensión das operacións militares que vería a Rusia estabelecida na meirande parte do Donbass, pero un NON prexudicial ao cesamento do fogo faría que o rexeitamento ucraíno e estadounidense fose difícil de soster internacionalmente.

Un mundo diferente?

 O fondo sentido da alianza entre Moscova e Pequín baséase na convicción común de que o proxecto estadounidense de deter a decadencia de Occidente prevé a disgregación de Rusia e China en realidades desintegradas e baseadas en etnias. Un proxecto ao que Washington impuxo unha brusca aceleración nos últimos anos intensificando o cerco militar ao redor das fronteiras de China e Rusia.

 A ampliación da OTAN cara ao Leste de Europa coa transformación de Ucraína nun posto militar avanzado dos EUA, en sintonía ideolóxica con Polonia e os países bálticos, que comparten con Rusia unha identidade política neonazi común, e a construción de 21 bases militares estadounidenses no Mar de China, que apoian as crecentes provocacións sobre Taiwán, ofrecen un agudo espello da dirección tomada polos EUA na súa perspectiva contra China. O feito de que, en materia de filiacións territoriais, os EUA apoien dúas teses completamente opostas segundo o escenario, é habilmente agochado polos medios de comunicación internacionais, que teiman en substituír a información por propaganda de guerra.

A procura, a estas alturas nin sequera velada, de todas as razóns posíbeis para chegar a un enfrontamento militar, ten a súa orixe nalgúns think tanks estadounidenses que acreditan, parafraseando a Tucídides, en que Moscova e Pequín non son aínda fortes dabondo como para gañar á OTAN e, en consecuencia, que a fase actual é aquela na que aínda é posíbel proceder a un enfrontamento global destinado ao gran reseteo mundial que vexa os Estados Unidos e Europa como os únicos xestores económicos, políticos e militares do planeta, con China e Rusia desarticuladas e carentes dun proxecto global.

 Pequín e Moscova non o ven así e prepáranse para o enfrontamento cos Estados Unidos e Europa, tanto en termos de alianzas militares como políticas, firmes na súa substancial posta en común dun modelo multipolar de gobernanza planetaria a perseguir tamén mediante a participación na nova orde mundial de todos aqueles países que por influencia política, amplitude territorial, capacidade económica e forza militar exercen un papel de liderado nas súas respectivas áreas. Para iso, hai dous ámbitos de actuación: un é o que contempla o continuo crecemento das organizacións rexionais na liña da OCS no que se refire ao Leste e dos BRICS no que se refire á globalidade. O outro é o da redución dos conflitos locais e a potenciación dos acordos comerciais en substitución dos enfrontamentos políticos.

 O primeiro tamén está marcado polos acordos de seguridade comúns e as asociacións militares, o que resta poder ás manobras estadounidenses na construción de alianzas militares; o segundo, polas capacidades comerciais e as repercusións relacionadas das sancións occidentais con tres cuartas partes dos países da comunidade internacional. En resumo, Estados Unidos berra e ameaza, pero cada día que pasa é menos poderoso e menos influente. Por primeira vez na historia está a quedar claro para todos aqueles que non forman parte da elite económica e política global que dirixe Occidente que as repetidas crises económicas e financeiras fan do turboliberalismo unha ameaza letal para toda a comunidade internacional e que a ameaza da forza para impoñer os intereses dos EUA no mundo, sitúa a eles e os seus aliados como a razón e non como solución ás crises planetarias.

 O potencial político inherente á alianza estratéxica entre Moscova e Pequín é enorme. Non se trata só de que dous xigantes reivindiquen un camiño común para redefinir a orde planetaria, senón tamén dun proceso que comeza de acción compartida a escala diplomática para ir expulsando gradualmente a guerra dos sistemas para resolver disputas internacionais. «Ningún país da escena global ten dereito a ter a última palabra á hora de determinar a orde mundial existente», declarou Xi Jinping nunha entrevista a Rossiyskaya Gazeta, «a comunidade internacional recoñeceu que ningún país é superior aos demais, ningún modelo de goberno é universal e ningún país debe ditar a orde internacional. O interese común de toda a humanidade é un mundo unido e pacífico, en lugar dun dividido e inestábel», concluíu o dirixente chinés.

 A primeira mostra desta nova diplomacia, que busca a paz como motor dun novo desenvolvemento económico para todos, chegou co acordo alcanzado recentemente entre Arabia Saudita e Irán, un acordo de transcendencia histórica e valor absoluto. Preparado pola diplomacia rusa e implementado pola chinesa, é sen dúbida un enorme logro para os acordos xeopolíticos e sinala, tamén simbolicamente, a fin dunha fase unipolar de dominación internacional ao abrir, en fondo e forma, o camiño á gobernanza multipolar nunha das zonas de maior importancia xeoestratéxica do planeta.

 «O acordo Irán-Arabia Saudita pinta un novo Oriente Medio», escribía o The Wall Street Journal, que salientaba o papel decisivo da mediación chinesa, mentres que para o The New York Times «o acordo entre rivais rexionais subliña a crecente importancia económica e política de China en Oriente Medio e o devalar da influencia estadounidense». Trátase dunha vitoria para a diplomacia do Kremlin e de Xi que abre un novo capítulo en Oriente Medio e Asia Menor. En primeiro lugar, contribúe a poñer fin ao conflito entre a patria sunnita (Arabia Saudita) e a patria xiíta (Irán), un aspecto extraordinariamente importante no asunto político-militar da zona, sempre hábil e cinicamente manexado por Israel e Estados Unidos. En segundo lugar, antepón os intereses dos países da zona, produtora da maior parte do petróleo e en alianza con Rusia, outro gran subministrador de hidrocarburos. Un bloque de países capaz de dirixir non só as políticas da OPEC, senón a inmensa maioría da cantidade de hidrocarburos que se moven diariamente cara aos catro puntos cardinais do planeta. Despois, reduce a tensión de Moscova cara ao lado asiático das súas fronteiras e, por último pero non menos importante, contén as aspiracións hexemónicas turcas e forma un marco de potencias rexionais que están no mesmo lado da mesa.

 Neste sentido, é unha moi mala noticia para os Estados Unidos e Israel. Aínda que non rompen cun aliado de ferro (Riad), certamente ven como Teherán sae definitivamente do recanto, con todo o que iso significa económica e militarmente. Pero, sobre todo, na política das dúas rexións, a influencia estadounidense redúcese drasticamente na mesma medida en que crece a rusa e a chinesa.

 Un mundo diferente, multipolar e coa paz como motor de desenvolvemento, comeza a coller forma. Será bo que os «demócratas» non se equivoquen de lentes se non se queren arriscar a non velo vir.

 

[Artigo do sitio web Diario Barricada, do 20 de marzo de 2023]