O sector de Xustiza da CIG-Administración reelixe a Xesús Sánchez como secretario nacional
A VII Asemblea Nacional do Sector de Xustiza da CIG-Administración, celebrada o sábado 20 de xaneiro, reelixía a como secretario nacional a Xesús H. Sánchez Costa (Tuto), nun proceso no que tamén se procedeu a renovar a dirección nacional. Na asemblea deuse conta das actuacións do sector nestes últimos anos e analizáronse as accións futuras, tanto a curto como a longo prazo, "tendo en conta o escenario de confrontación e de perda de dereitos debidos á mala xestión da Xunta de Galiza e as vindeiras eleccións sindicais do ano 2019".
Deste xeito, a nova dirección queda conformada por Xesús H. Sánchez Costa (Tuto), Óscar Freixedo Beltrán, Eva Rodríguez Vicente, Delmiro Durán Garrido, Chelo Rodríguez Rodríguez, Xosé Barreiro Pérez, Antonio Ayaso Reiriz e María Carmen Bergantiños Vázquez.
Defender os dereitos de todas e todos os traballadores
O novo secretario nacional debullou polo miúdo, nun informe que foi aprobado por unanimidade, as actuacións apoiadas polo sector, tanto ante a Xunta de Galiza como ante o Ministerio de Xustiza, salientando as grandes dificultades habidas nestes catro anos no diálogo con PP, "partido que, engadiu, goberna tanto en Galiza como en Madrid, resultando, con diferenza e paradoxalmente, máis difíciles os contactos coa administración autonómica que coa central".
O reelixido secretario nacional sinalou que afronta esta nova etapa con ilusión, "dada a incorporación dun delegado e unha delegada nova que realizarán as súas funcións en Compostela e Ourense: Antonio Ayaso Reiriz e Manuela Mares Iglesias. "De seguro apuntalarán a acción sindical da CIG nesas vilas, dado o escenario de grandísima disgregación do voto sindical, ao existir en xustiza até sete centrais sindicais que concorren aos procesos electorais, das cales varias son corporativistas".
A CIG-Xustiza comeza esta nova etapa "coa experiencia, seriedade e coherencia que lle dan todos estes anos de permanencia nas mesas sectoriais de Galiza e Madrid, defendendo os intereses de todas/os as traballadoras/es da Administración de Xustiza de Galiza".