“Xermolos sindicais”, así xurdiu o sindicalismo nacionalista e combativo

Manuel Mera - 09 Abr 2024

A Fronte Obreira e os “xermolos sindicais” foron a resposta, realizada na clandestinidade no plano organizativo, axeitada para unha etapa onde a ditadura, vendo a súa perda de peso e a medra das contradicións na sociedade, tomou medidas máis duras co obxectivo de esmagar a loita da clase obreira e doutros sectores populares

 Hai medio século, durante os últimos anos do franquismo, a Fronte Obreira (FO) da Unión do Povo Galego (UPG) daba un novo paso na creación dunha estrutura que servise de base para a construción dunha central sindical nacional, democrática e de clase, unha vez lograda a caída da ditadura. A FO obreira constituirase a nivel nacional na primavera de 1973, nunha reunión de media ducia de persoas, de Vigo e Compostela, feita nun prado rente do río Ulla, preto da ponte do mesmo nome entre a capital de Galiza e a vila da Estrada.

 “Xerme”, publicado na Coruña, foi o primeiro dos boletíns que xurdía como voceiro da organización dos xermolos sindicais nacionalistas en todo Galiza. En Vigo sería “Adiante”, en setembro de 1974, en Compostela “Galego” en decembro dese mesmo ano. Ademais publicáronse “Obradoiro” en Ourense e “Ferramenta” no Ferrol. O primeiro boletín de “Xerme” tiña sete páxinas e estaba tirado seguramente nunha “vietnamita”. Na primeira folla tratábase un tema referido á seguridade e hixiene nas empresas. Nas seguintes facíanse valoracións sobre a situación en Intelsa, Coca Cola, Conservas Celta e Eurofrio. Eran análises sobre temas concretos, nos que se reflectían os conflitos que había nestas fábricas e de cales eran as reivindicacións da clase traballadora.

 Cómpre lembrar que pouco despois, en agosto de 1974, se publicaba o número un de “Alento”, que se presentaba como o voceiro da Unión de Traballadores do Ensino de Galicia. Coa UTEG nacía o primeiro sindicato de sector impulsado pola UPG.

 A persoa que dirixía esta alternativa, baseada non só na procura de militancia para a Fronte Obreira senón que ademais impulsaba un relato alternativo na clase traballadora, era Xosé Ramón (Moncho) Reboiras Noia, nacido no concello de Dodro. Viviu e estudou en Vigo, e traballaría despois nesta cidade e Coruña. Moncho deu os primeiros pasos políticos co grupo do Padre Seixas (xesuíta) e na folga xeral do 72 en Vigo. Un ano e medio despois do nacemento de “Xerme”, o 12 de agosto de 1975, caia asasinado baixo as balas da policía franquista en Ferrol. No apoio aos xermolos tivo un papel importante a militancia da organización estudantil ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos), que tamén foi unha iniciativa da UPG, e que comezou súa andaina en decembro de 1972.

 Os xermolos sindicais permitiron construír, en maio de 1975, o Sindicato Obreiro Galego (SOG), e en 1977 a Intersindical Nacional Galega (ING), como a unión entre os sindicatos de sector: SOG, UTEG, UTBG, UTSG e SGTM. Mais esta xa é outra parte da historia do sindicalismo nacionalista.

 O último número de “Xerme” saíu en setembro de 1977, despois da morte de Franco. En xullo de 1976 asumía o goberno Adolfo Suárez, e cómpre lembrar que aínda en varias cidades galegas as manifestacións do 1º de maio de 1977 foron reprimidas. En xuño de 1977 realizábanse as primeiras eleccións democráticas.

 A FO e os “xermolos sindicais” foron a resposta, realizada na clandestinidade no plano organizativo, axeitada para unha etapa onde a ditadura, vendo a súa perda de peso e a medra das contradicións na sociedade, tomou medidas máis duras co obxectivo de esmagar a loita da clase obreira e doutros sectores populares. Os traballadores e traballadoras deron o mellor de si, padecendo despedimentos e sancións, a prisión e todo tipo de presións, a súa loita foi fundamental para abrir as portas á democracia representativa... que hoxe en moitos casos esquece os verdadeiros protagonistas daquela etapa, a clase traballadora. A Transición traería moitas transformacións (aínda que en  ocasións sexan máis formais que reais,... mesmo así foi un avance).

 

[Galiza, 9 de abril de 2024]