XEAL quere aumentar a produción eléctrica e o comité reclama un incremento proporcional do emprego
O comité de XEAL presentou escrito de alegacións para que Augas de Galiza lle esixa á empresa un incremento do emprego no complexo enerxético-industrial na mesma proporción que o aumento do caudal de auga solicitado para subir a produción de electricidade. Deste xeito, entende o comité, estaríase dando debido cumprimento á cláusula esencial das concesións, que vincula a produción de enerxía á produción de ferroalixes nas fábricas de Cee e Dumbría.
XEAL presentou solicitude á Augas de Galiza para que modifique a concesión administrativa do encoro de Santa Uxía, no río Xallas (Concello de Dumbría), para aumentar en 6,3 m³/s o caudal. Neste encoro están operativas dúas centrais hidroeléctricas con unha potencia, cada unha delas, de 49,072 Kw, que agora empresa "quere ampliar para sacar maior tallada do negocio eléctrico, nun momento ademais no que os prezos da enerxía están desbocados".
Pero non hai que esquecer que o dereito de explotación das centrais da Costa da Morte ten unha condición esencial -e única no contexto dos aproveitamentos hidráulicos en Galiza-, que é a súa vinculación co mantemento do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría. A pesar das pretensións de Ferroatlántica de deixala sen efecto, esta cláusula foi confirmada en dúas ocasións polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, en sentenzas do 5 de novembro de 2020 e do 9 de maio de 1996, polo que resulta conforme a dereito, ten carácter esencial e persegue un fin lexítimo de interese público.
A Xunta debe esixir a XEAL como condición para a autorización da modificación, que incremente o emprego na mesma proporción na que o aumento de caudal incrementa a produción eléctrica"
Por iso, o comité entende que, antes de autorizar o incremento do caudal, a Xunta debe comprobar que XEAL está cumprindo a cláusula nos termos en que é interpretada polo TSXG; é dicir, debe comprobar que, cando menos, o número de persoas empregadas nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais non é inferior ao existente no momento de outorgamento da renovación da concesión de aproveitamento do encoro de Santa Uxía.
Pois no caso contrario, "a empresa estaría a incorrer nun incumprimento das condicións da concesión e a Administración debe condicionar a aprobación da modificación solicitada á restitución do emprego existente naquel momento".
Ademais, seguindo o espírito que motivou a imposición da cláusula, o incremento da potencia eléctrica producida debe traducirse nun incremento, na mesma proporción, do emprego creado na comarca pola concesionaria. "En consecuencia, a Administración debe esixir a XEAL como condición para a autorización da modificación solicitada, que incremente o emprego creado na comarca da Costa da Morte na mesma proporción na que o aumento de caudal incrementa a produción eléctrica".
"Non se podería entender que a Xunta, que leva anos ignorando as demandas do comité para intervir ante os ataques da empresa ao emprego e ás condicións laborais, lle consinta agora a XEAL seguir engordando os seus beneficios a conta do prezo da luz, mentres destrúe postos de traballo, recorta a produción e leva as fábricas á ruína. Xa abonda de abusos das multinacionais que veñen especular cos recursos que son de todas as galegas e galegos, levan a riqueza fóra e só deixan aquí un regueiro de pobreza", aseveran.