XEAL presenta recurso de casación no Supremo evidenciando que o seu único interese está nas centrais
XEAL (Ferroatlántica de Cee-Dumbría- Centrais Hidroeléctricas) acaba de presentar recurso de casación diante do Tribunal Supremo contra a decisión do TSXG que avalou o acordo de Augas de Galiza a través do que, en atención ao establecido nas cláusulas das concesións de explotación, se denegou a empresa a autorización para segregar as actividade de ferroaliaxes da produción eléctrica.
Para o comité, evidénciase, unha vez máis, que o verdadeiro interese de TPG-Ithaka está no substancioso negocio enerxético, "pois mentres as fábricas sofren un progresivo deterioro por falta de investimento e o recorte drástico das capacidades produtivas, a empresa non escatima esforzos na súa batalla para conseguir a segregación das centrais".
Un obxectivo obvio, xa que, tras a adquisición do complexo enerxético e industrial, o fondo norteamericano negouse a retirar o recurso contra a resolución de Augas de Galiza interposto por Ferroatlántica, aínda sendo coñecedora da ilegalidade da desvinculación de actividades. Unha teima na que agora incide presentando este recurso no Supremo.
"Das boas palabras coas que a actual dirección desembarcou na Costa da Morte, asegurando que viñan traballar para garantir o emprego e a viabilidade das fábricas, o único que hai a día de hoxe son fornos sen actividade, falta de mantemento e investimentos, perda de postos de traballo e unha clamorosa ausencia dun plan industrial", alertan.
Neste senso, o presidente do comité, Alfonso Mouzo, subliña que a empresa está reducindo de maneira alarmante os empregos, xa que non suple as xubilacións que se producen tanto por idade como por incapacidade, e estase vulnerando o dereito dos traballadores/as que se poden acoller a un plan de relevo a xubilarse, impedindo o acceso dun traballador/a novo á empresa.
Diante disto, o comité retomará as mobilizacións semanais, cunha concentración este venres 15 de xaneiro, ás 17:15 horas diante da fábrica de Cee, en defensa do futuro industrial da comarca e do mantemento de todos os postos de traballo.
Segue sen coñecerse o plan de viabilidade
O comité tamén chama á responsabilidade da Xunta de Galiza, e vén de solicitar unha reunión coa Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, "posto que transcorrido un ano e medio da venda seguimos sen coñecer o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións, malia que dito plan xa lle foi requirido pola Administración á empresa hai meses".
A vinculación de actividades, reiteran, é a mellor garantía para o mantemento e a continuidade de todos os postos de traballo, hoxe baixo ameaza constante polo escaso interese da empresa na produción de ferroaliaxes.