“Mentres a maquinaria propagandística e os titulares dos medios presumen de millóns de euros en axudas públicas e compensacións por CO2 para XEAL, a realidade nos centros de traballo é a dunha agonía industrial calculada”, alerta a sección sindical da CIG na empresa. Denuncian que lonxe da imaxe de bonanza que pretenden vender, o pasado 21 de outubro a dirección parou un novo forno, deixando activo só un forno en cada fábrica dos cinco existentes.
Esta paralización case total da produción veuse acompañada da rescisión dos contratos de todo o persoal eventual, elevando a máis de 90 os postos de traballo destruídos desde a chegada do novo grupo inversor ENERGO-PRO.
Especulación enerxética a costa do patrimonio natural
A representación da CIG critica que unha empresa que reduce a súa actividade a mínimos e precariza e recorta as condicións laborais do cadro de persoal continúe ingresando fondos públicos e acumulando beneficios. “A base do problema non é a falta de viabilidade, senón a substitución do modelo industrial por un puro negocio de especulación enerxética”.
Cualifican de “intolerábel” que a Xunta de Galiza pretenda autorizar novos proxectos e licenzas “a quen demostrou que non ten interese en producir ferroaliaxes, senón en comerciar coa enerxía”. Rexeitan que o Goberno galego permita a sobreexplotación dos recursos naturais da comarca -como o histórico espolio do río Xallas ou o impacto que suporía un proxecto como a balsa reversíbel do Monte da Ruña desvinculado da concesión- sen que exista unha demanda industrial real que o xustifique, “unicamente para satisfacer o apetito especulativo da multinacional”.
Unha planta de carbón vexetal para unha industria sen produción
Neste contexto de desmantelamento, a representación da CIG pregúntase cal será o vindeiro acto de propaganda da empresa “coa complicidade da Xunta e co seu presidente Alfonso Rueda á cabeza”. “Acaso virán inaugurar a nova planta de carbón vexetal para unha industria paralizada, que non produce e na que se levan destruído máis de 90 postos de traballo? Vai vir Rueda destapar a placa do que é, na práctica, o símbolo da perda de emprego e da destrución do tecido industrial na Costa da Morte?”, inquiren
A sección sindical da CIG exíxelle á Xunta de Galiza que deixe de participar nesta farsa, condicione de xeito vinculante as axudas e concesións públicas ao mantemento estrito do emprego “e poña fin a un modelo que baleira de industria e futuro a comarca”.