XEAL decide parar o forno 14 cando máis beneficios está obtendo a conta do elevado prezo da electricidade
O comité de XEAL denuncia a decisión da empresa de parar o forno 14, o único que estaba operativo en Cee, sen comunicarllo á representación do persoal e sen achegar ningunha data prevista para volver arrancar a produción. Esta medida agrava o desmantelamento progresivo que as fábricas de ferroaliaxes están sufrindo dende que hai máis de dous anos FerroGlobe e TPG-Ithaka argallaron o proceso de compra-venda.
A decisión de suspender a produción no forno 14 prodúcese ademais nun momento no que o custe da electricidade acada prezos históricos, rebentando todos os máximos marcados nos últimos meses. Por iso, acusan a XEAL de parar a fabricación nos fornos "mentres obtén beneficios millonarios grazas á produción de electricidade xerada nas nosas centrais hidroeléctricas".
Pero non se pode esquecer que neste complexo a actividade enerxética está vinculada, mediante unha cláusula esencial da concesión ratificada polo TSXG, á produción de ferroaliaxes "e con esta decisión XEAL, de facto, o que fai é incumprir flagrantemente as condicións das concesións, comprometendo a viabilidade das fábricas e o mantemento dos postos de traballo".
O comité leva anos reclamando da Xunta de Galiza (como titular das concesións) que interveña para evitar, precisamente, que esta segregación encuberta se faga realidade: no ano 2017 cando Ferroatlántica tentou vender as centrais hidroeléctricas e posteriormente cando en 2019 FerroGlobe levou adiante, "co beneplácito do Goberno galego, unha venda fraudulenta, que converteu as fábricas de Cee e Dumbría nunha especie de subcontrata do grupo, supeditando as capacidades e futuro das instalacións ás decisións de FerroGlobe, mais non formando parte deste grupo empresarial".
Desmantelamento das fábricas e ataque aos dereitos
Subliñan que as decisións empresariais que ao longo deste tempo tomou a dirección de XEAL evidencian que o único interese deste fondo de investimento é o negocio da enerxía e obter o maior beneficio posíbel a conta da especulación nun sector básico para o desenvolvemento industrial e o benestar social do país, como a produción eléctrica. "Non lles chega con destruír paulatinamente as fábricas e o emprego, deixando sen futuro industrial a toda a comarca, senón que a empresa tamén atacou os dereitos laborais e salariais do persoal, deixando sen aplicación o convenio colectivo propio e roubándolle os traballadores e as traballadoras os seus dereitos consolidados".
E non só iso, engaden, "a XEAL non lle doe gastar cartos en propaganda, mentres aplica prácticas represivas despedindo traballadores/as de maneira arbitraria e atacando a liberdade sindical e os dereitos de representación do persoal ao despedir un compañeiro do comité polo simple feito de testemuñar a favor dunha traballadora vítima de acoso". E neste senso, denuncian a complicidade da dirección co condenado por acoso, "que segue no seu posto de traballo como se nada acontecera e sen que se lle abra sequera un expediente".
A Xunta segue sen intervir
Por todo esta acumulación de despropósitos, dende o comité pregúntanse "que máis ten que pasar, que máis ten que atacar e destruír XEAL para que a Xunta interveña dunha vez esixindo o cumprimento da legalidade, é dicir: que se respecten as cláusulas inherentes aos dereitos de explotacións dos aproveitamentos hidroeléctricos". Unha vez máis, o comité reitera esta petición ao Goberno galego e reclámalle que, ou ben faga cumprir de inmediato as cláusulas ou ben proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais.